Pesquisar neste blogue

quarta-feira, 18 de março de 2009

As dimensións actuais do proxecto común

José Manuel Beiras

No outono do 2006 escrivera eu em Galicia Hoxe umha série de artigos com o rótulo genérico de "Novas e velhas fórmulas políticas" -que mais tarde apareceria, em espanhol, em Sin Permiso. Relim em dias passados essas matinaçons, e pareceu-me oportuno reeditar agora as duas últimas. Velaqui vos vai a primeira delas. Mais, tamém hai cousa duns dias, lim ­umha conversa de Alain Badiou com Daniel Bensaïd recolhida no colectivo Entretiens du XXIe siècle (Paris, Textuel, 2008), e nom resisto a tentación de reproducir-vos aqui, como adro, a seguinte reflexom. Di Badiou: "Distingamos "partido" -forma específica de acçom política colectiva, invençom de finais do s.XIX- do tema, completamente geral, da orgaizaçom. Toda política é organizada, disso nom cabe dúbida nengumha. Mais "partido" remete para algo bem distinto do simples motivo da orgaizaçom. "Partido" quer dizer: organizado para o poder de Estado. Hoje en dia, isso reveste a forma obrigada da maquinária eleitoral, das alianças, da "esquerda unida" e outras andrómenas, a travesso das que se abre passo a eternidade negativa da decepçom e da corrupçom. "Política sem partido", de nengum xeito quer dizer sem potência. Bem a contrário, isso quer dizer política medida por processos organizados completamente reais, porém incompatíveis com a lógica partidária -porque os partidos, actualmente, nom som partidos políticos: som organizaçons estatais, por moi de oposiçom que se declarem eles. Som partidos "sem política", porque o espaço parlamentar dos partidos é, em realidade, umha política da despolitizaçom". Di-o Badiou, e nom é doutrina da fé, claro está -mais dá que pensar, nom si? E agora, Com Permiso, vai-vos o meu texto repescado.

*****

Rematava eu a minha entrega do dia passado espetando-vos várias interrogaçons, que convergiam e se condensavam nesta: que fórmulas políticas é que som velhas ou novas arestora?. Assí de curiosamente -e socráticamente, se me permitís esta licença- concluia o meu periplo, nesta série de artigos, pola espiral histórica da naçom e o nacionalismo galego no último quarto de século -que por certo encetara eu con interrogaçons, tamém, no canto de aseveraçons inaugurais. Voltemos a elas: velhas e novas fórmulas políticas, para qual realidade?; a prol de qual projecto?; a respeito de qual modelo?; em qual contexto?. Aventuremos algumhas hipotéticas respostas para o dia de hoje. Qual realidade?: a naçom e o nacionalismo galegos. Qual projecto?: o da nossa autodeterminaçom. ¿Cál modelo?: o deseño do BNG -marca rexistrada no 1982. Qual contexto?: o combate da humanidade desalienada fronte à tirania do sistema capitalista globalizado.

Se fosse tam doado dar por certeiras e elevar a firmes conclusons essas singelas respostas hipotéticas, nom seria preciso darmos-lhe voltas ao beo, nem haveria controvérsia dentro do comum nacionalista, nem estaria em jogo a reforma constitucional interna promovida polo actual poder estabelecido no BNG. Mais nom é assí. Daquela cumprirá pensarmos que essas singelas respostas, tam assissadas em aparência, nom fam outra cousa que abrirem cada umha delas, por sua vez, outra cadeia de interrogaçons que buligam no nosso cérebro colectivo. Imos alô.

Primeiro, a realidade actual da naçom e o nacionalismo galegos. Ao dicir naçom galega estou a pensar na fisonomia e estrutura da sua sociedade nos seus diferentes níveis ou estratos -base económica, estrutura de classes, formas culturais e superestruturas ideológico-políticas. E ao dizer nacionalismo estou a me referir, nom a un ideário nem umha organizaçom, mas apenas ao segmento do comum cidadao consciente da identidade do povo galego e posicionado, en diversa medida e maneira, a prol da afirmaçom identitária na acçom política.

[segue na grafia original]

Pois ben, esa realidade, ou parella de realidades xémeas, mudou sen dúbida nestes vintecinco anos. Dixen mudou -morfolóxicamente. Mais non deixou de ser nación -realidade nacional- nen de ter consciencia desa identidade -cidadanía nacionalista. Mesmo resulta evidente que medrou moito a dimensión social e cívica desa consciencia. Tamén é certo que o traxe -a orgaización política do común nacionalista- ficoulle curto, estreito e apretado: dificúltalle os movementos ao corpo social embutido nil -e venme ás mentes un sucedido de xastres que non vos vou contar. Pero o máis relevante -e criticábel- é que o BNG non abordou en profundidade a necesaria revisión dos mapas da realidade social galega cos que viña navegando dende a sua fundación, nen a conseguinte reformulación da sua diagnose en clave política. Eu tenteino, vai para tres anos, nun informe que o poder interno pechou con chave nunha gabeta do seu escritorio, porque estimou que reflexionar era perdermos un tempo precioso para a acción e estorbaba ao pragmatismo -¿imos parar todo para pensar?, dixéranme daquela. Portanto, tampouco se fixo agora. Así, no canto de explorar as mutacións do corpo social, tomarlle as medidas e redeseñar o traxe do xeito máis acaído, fóronse ao corte inglés e mercáronlle un modelo de executivo made-in-usa: é o que lle queren enfundar ao corpo social nacionalista para poñelo á moda. E, agora sí, douvos a resposta do parroquiano ao xastre no sucedido que non vos contei: "moda ou non moda, o cú quérollo de dentro" -dos pantalóns, claro.

De xeito que non val o croquis da fisonomía sociopolítica galega tracexado no 1982: compre actualizalo. Val, iso sí, a sua definición como nación sen estado, e portanto oprimida no seu dereito á soberanía política. Aquel "A Nosa Terra non é nosa, rapaces", do Castelao transmutado en petrucio co machado ao lombo, segue a ter plena vixencia. Mais tampouco val dicir que Galiza é, hoxe, como Catalunya: a formación social galega segue a padecer unha condición periférica que non padece a catalá, e que non atinxe só ás suas estruturas económicas e sociais, senón asemade ás superestruturas culturais, ideolóxicas e institucionais, así como á sua incardinación no sistema mundializado. Por iso -para empezar- non lle poden valer ao nacionalismo galego pantalóns, americana e garabata do corte inglés, nen sequer made-in-ciu.

Segundo, o proxecto político da nosa autodeterminación como povo. "De qué me estás a falar?" -sería normal que me perguntasen algúns dos meus conxéneres, se acaso estivesen a lerme. Non me non confundín: digo que sería normal, e non que sería absurdo, como semellaría lóxico. Porque eses algúns perderon, na praxe política, o norde da autodeterminación até tal ponto que xa nen pronuncian a palabra -nen tan sequer como xaculatoria ritual. De xeito análogo ao de aquil que, interpelado por un vello camarada de loita sobre os valores da ética revolucionaria, retrucoulle cun xélido "¿aínda andas nésas?".

A meiados dos oitenta, o BNG acordou transixir coa esixencia formularia de acatamento da constitución para non ser excluído do "parlamento de cartón" e poder empregar a política institucional como alavanca para o avance social. E acertou: os resultados ulteriores corroborárono. Logo, a meiados dos noventa, asumíu ser alternativa de goberno na "autoanemia": chegar a gobernar no marco constitucional do Estado das autonomías -nomeadamente se acadaba a presidencia da Xunta- sería ­unha rampla de lanzamento para un "salto cualitativo" no seu proxecto soberanista -ademáis de permitirlle ofrecer aos cidadáns galegos do común unha acción de goberno que a dereita españolista non quería nen sabía desenvolver. E volveu acertar. En ámbolos dous pasos adiante, que modificaban tácticamente posicións de partida sobre o valor da acción política no marco do rexime establecido na transición española, o combate institucional reformulábase ao servizo do proxecto estratéxico do nacionalismo, da autodeterminación, da emancipación social e nacional do povo galego. Hoxe, co acceso ao goberno da Xunta, chegado o BNG ao primeiro dos sete círculos celestiais da divina comedia hispanogalaica, invírtense as tornas: confínase o proxecto estratéxico no chanzo autonómico e supedítase ás razóns de semellante estado de gravidez nese anémico poder. Até o ponto de que se pretende reformar a constitución interna do nacionalismo para concentrar nun só órgao encarnado nunha mesma persoa as potestades e funcións de tres roles diferentes e inverosímilmente conciliábeis: vixía do rumbo do proxecto estratéxico, piloto da política táctico-institucional, e picouto do poder executivo autónomo. Napoleón -que non Gulliver- en Liliput, ou?. Iso si: post-moderno.

Terceiro, o deseño BNG. Mais, ¿cál diles?. ¿O orixinario fundacional do oitenta e dous?. ¿A reconversión partidaria de corrente alterna propugnada por algunha das illas do arquipélago pre-frentista incorporadas nos noventa?. ¿A reversión subrepticia -inversión contrapontística do tema- tentada na alba sen groria do s.XXI por unha das células-nai das primeiras frentes vello estilo?. ¿O asemblearismo atomístico dalgúns non adscritos de antonte, arestora perfeitamente adscritos a quen corresponde?. ¿A refundición partidario-piramidal promovida hoxe polo poder instalado no aparato de goberno intra e extramuros do bloque, ad pedem literae ?. En rigor, o deber ser do modelo xa ficou deseñado o día pasado. Urdime horizontal: democracia participativa con exercizo directo da soberanía popular, ou sexa, base asemblearia na que tódolos militantes teñan voz e voto directo -non delegábel- nas decisións fundamentais para o avance do proxecto estratéxico. Vértebras do carrelo: integración artellada dos subconxuntos ideolóxicos que perfilen cadansúa leitura do proxecto común da frente, sen dereitos de cooptación na sua estrutura orgánica. Forzas motrices, ou sexa, valores ético-políticos: autodeterminación, fraternidade, igualitarismo, esquerda, república, é dicir, liberdade entendida como non-dominación. Non existe -perdón, non coñezo- outra fórmula para un nacionalismo emancipador con vocación de abranguer democráticamente unha maioría social nun país coma o noso nesta altura da nosa historia -digo nosa: de nós e do xénero humán.

E cuarto, o contexto actual dos povos en loita contra a tiranía do poder no sistema globalizado. Ou sexa: o contexto das forzas motrices da humanidade neste presente histórico. Compriría ser cego -é dicir, estar alienado- para non percibir esa evidencia. Non foron cegas as xentes e orgaizacións do nacionalismo galego contemporán -sociais, de clase, de xénero, cívicas, ecoloxistas, e non só a política, o BNG- que naceron e medraron en posicións antiimperialistas e antiglobalización, participaron na xénese dos movementos altermundistas, e implicáronse dende o comenzo nos sucesivos encontros e foros continentais e mundiais nos que foi cobrando forma o pensamento e a prática do novo internacionalismo de arestora.

Aí é onde están a forxarse as novas fórmulas políticas, é dicir, os novos deseños das pontes de enlace dos cidadáns do común coa instancia política, do vencello biunívoco da democracia participativa coa representativa, de fluxos de ida e volta antre a sociedade civil e as institucións xurídico-políticas. En suma: da necesaria metamorfose orgánica do poder político, como resposta á crise dos obsoletos aparellos de Estado, dos esclerosados "aparatos" partidarios, dos modelos convencionais de partidos e forzas políticas ancorados no pasado, momificados, convirtidos en brancuxados esqueletes oligárquicos e divorciados dos cidadáns que, iso sí, danlles ritualmente os seus votos sen poderen vixiar activamente o cumplimento dese contrato de fideicomiso. O BNG -ficou espricado días atrás- foi precursor dos novos deseños que emerxen no tránsito de entreséculos coa reactivación das cidadanías en combate contra o belicoso ultraliberalismo da actual etapa histórica da humanidade. ¿Vai agora camiñar de recú?. Depende de nós, cidadáns nacionalistas do común libres e iguais. Sob pretexto de modernizar, téntase homologar ao nacionalismo coas vellas fórmulas. É máis: téntase domesticalo. A nosa resposta déraa xa Castelao por boca do raposo: "eu non vos nacín pra can".