Pesquisar neste blogue

segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

PARA NON MALLAR NOS DE SEMPRE...



MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL NACIONALISTA PARA A ELABORACIÓN DE ORDENANZAS MUNICIPAIS POLA UTILIZACIÓN PRIVATIVA DO DOMINIO PUBLICO.

O Concello de Chantada soporta unhas infraestructuras e uns servizos considerables e caros sen que os ingresos fiscais sexan suficientes para facerlles fronte. En ningún caso se poden xustificar recortes sociais sen intentar ter outro tipo de ingresos, xa que como dixemos noutras ocasións, sempre se nos exixe aos mesmos cargar coas dificultades da crise, subas de impostos, recurtes salariais e de pensións ou reformas laborais sangrantes.

A fiscalidade é un dos grandes obstáculos nos concellos medianos e pequenos como o noso, e debemos tentar atopar solucións sen, como decimos, mallar nos de sempre. E ainda por riba, a única reforma constitucional que se fixo no estado, obríga aos concellos a controlar máis o gasto adoptando medidas antipopulares, regresivas e dolorosas para a cidadanía. As administracións deberían ter a obriga de buscar outro tipo de solucións no canto de botar enriba dos seus cidadáns e dos concellos os problemas que eles non crearon.

Hai tres temas importantes, ao noso modo de ver, nesta proposta. En primeiro lugar, lembrar que hai sectores que viven un momento de importante expansión económica como a telefonía móvil, industria enerxética (eléctricas, eólicas) ou a banca, que teñen en común a necesidade de usar infraestructuras públicas locais ou municipais sen que esto repercuta nas arcas do concello. Para que estas empresas podan ofrecer e prestar os seus servizos, é necesario que desfruten da utilización privativa ou dos aproveitamentos do dominio público local, constituidos polo voo, solo e subsolo das vías ou terreos públicos municipais.

O sector das telecomunicacións, segundo o seu propio informe de mercado, obtivo no ano 2010 unhas ganancias duns 40 mil millóns de euros, no caso da telefonía móvil acadou a cifra de 14 millóns de euros.

O traballo realizado polo Grupo Municipal Nacionalista nos últimos días permitiunos coñecer as cantidades que están a recadar por este concepto outros concellos do País, ao noso ver, cantidades nada despreciabeis. A modo de exemplo, Concello de Cerdeda, 23.000 euros. Arzúa, 26.000 euros. Ribadeo, 42.000 euros.

En segundo lugar, o Tribunal Supremo deu vía libre aos municipios para poder cobrar a caixas e bancos pola utilización intensiva que os caixeiros automáticos fan dos espazos públicos. Nesta sentencia recoñeceuse a lexitimidade para poder cobrar una taxa municipal aos caixeiros automáticos instalados nas fachadas das entidades financeiras. Deste xeito, pódese instaurar unha nova taxa que terán que aboar os bancos e as caixas, sen prexuicio para o consumidor, xa que son estas entidades as que se enriquecen desa utilización de dominio público e non os usuarios.

En terceiro lugar, e como remate, tamén as empresas do sector enerxético (eléctricas, eólicas, solares, etc) fan uso do dominio público nas súas actividades polo que este tipo de taxas serian susceptibeis de aplicación. No caso destas empresas, dito aproveitamento ten características especiais porque fan unha ocupación continua tanto no espazo coma no tempo. Por este motivo, a propia lei regula un procedemento específico para valorar dita utilidade e determinar o importe da cota da taxa, que se pode fixar nun 1.5 % dos ingresos brutos procedentes da facturación que obteñan anualmente no termo municipal.

Por todo isto, o Grupo Municipal Nacionalista propón ao Pleno a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1º.- Elaborar e aprobar unha ordenanza fiscal reguladora do aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas explotadoras de servizos de suministros de interese xeral.

2º.- Elaborar e aprobar a ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles con acceso directo dende a vía pública.


En Chantada decembro de 2011

Asdo:

Ildefonso Piñeiro Díaz. Portavoz Nacionalista.

Sem comentários: