Pesquisar neste blogue

quarta-feira, 30 de maio de 2007

Traballo digno


O 1º de maio onte e hoxe. A loita continúa!

Galiza Nova Chantada.

Os membros de Galiza Nova da comarca de Lugo sul vimos de encetar un novo mural en Chantada con motivo do Día Internacional da clase traballadora, data que consideramos fundamental conmemorar como recoñecemento de todos aquiles que ofereceron a súa vida pola máis xusta das causas a liberdade, a igualdade e a xustiza social.

1.1 O 1º de maio onte.

"Erguéstesvos cedo Amador e Manuel", Manuel María.

Cando o capitalismo máis salvaxe, sustentado en inmorais teses ultraliberais, producía mortes a esgalla de nenos, mulleres e homes proletarios; cando a banca e os trust atafegaban as máis elementais libertades e negaban calquer decisión positiva encol a xustiza social; cando o Estado americano, unha democracia capitalista “exemplar” na altura, decretou medidas draconianas anti-obreiras – como a prohibición de realizar folgas, sancións económicas e cárcere prós desidentes- o proletariado ergueu a voz pola liberdade, centrándose, sobor de todo, en acadar a xornada laboral de oito horas.

A xornada laboral de oito horas tornábase fundamental prá dignidade do obreiro, xa que se consagraba a necesidade de oito horas de descanso, oito de traballo e oito de autorrrealización persoal. No entanto, iste obxectivo custoulle a vida a non poucos obreiros, tanto na Europa como nos “avanzados e democráticos” EUA.

A contratación de esquirois e mercenarios por parte dos donos do capital, amais da induvitábel comuñón entre o aparello represivo dos estados e as empresas, conlevou a tensiós internas dos sindicatos e a episodios tan sanguinarios e calamitosos como os sucesos do 4 de maio na praza de Haymarket (en EUA) onde, 25000 obreiros, sufriron un atentado con bomba e a continuación foron acribillados polas “forzas da orde” porque supostamente fora un atentado anarquista. Amais, numerosos líderes obreiros e sindicais foron “axustizados” polo único delito de defenderen a igualdade e a dignidade do Ser Humano... os ideais da Revolución Francesa e a declaración de Virxinia foran esmagados pola ditadura do Imperialismo, a fase superior do capitalismo.

A prensa burguesa daquil entón indignábase polas desproporcionadas vindicacións obreiras e instaban a que os folguistas fosen encarcerados producindo un "benéfico terror na clase traballadora", ou sexa criando un cenario social que permitise obviar os Direitos Humanos e violar os principios elementares da democracia. O Chigago Mail sinalaba que a xornada de 8 horas estaba "suxerida polos máis tolos socialistas e anarquistas"; o Illinois State Registrer cualificaba a vindicación como "realmente parva de máis como para merecer a atención dun fato de lunáticos. E a idea de facer a folga na procura das 8 horas é tan normal como facela pra conquerir a paga sen cumprir as horas de traballo". O Chigago Tribune dixo: "a prisión e os traballos forzados son a única solución prá cuestión social".

O proceso de represión a todos os disidentes foi altísimo e a súa criminalización constante, tal como se veu criminalizando á mocidade nacionalista galega como se foramos terroristas e asasinos, mesmamente terroristas de Estado como Fraga Iribarne, colaborador do tirano xenocida e hoxe “convencido demócrata”, se atreveron a calificar ao BNG como a kale borroca da Galiza sen máis proba ca da calumnia e a acusación gratuíta. Istes procesos decimonónicos escontra a xornada laboral de oito horas estiveron sustentados pola maquinaria represiva dos donos do capital, individuos que coidan que o pobo non ten máis que un direito e un deber: a obediencia incondicional e acrítica.

Con todo, os tempos foron chegados e a xornada laboral de oito anos é hoce un direito irrenunciábel da clase obreira primermundista. O 1º congreso da II Internacional, celebrado en xullo de 1889 (en conmemoración do centenario da Revolución Francesa), declarou o 1º de maio como Día da Solidariedae Internacional dos Traballadores.

1.2 O 1º de maio hogano.

Semella de común acordo que se as traballadoras e traballadores de comezos do século XX puidesen contemplar as condicións da clase traballadora de comezos do século XXI non dubidarían en recoñecer que os fitos acadados van alén de calquera utopía. Porén isto coqueriuse grazas a persoas que creron que “outro mundo é possível” e loitaron até o último alento polo imposíbel pra que hogano poidamos disfrutar distes direitos. Un bo exemplo de que as grandes e duradeiras revoluciós non se fan nun só día, senón co traballo constante e a insistencia; cantos albergaban espranzas de ver ao nacionalismo na Xunta de Galiza na III Asamblea Nacional celebrada no Carballiño no 1987!?

Porén, na actualidade os direitos do traballador son adoito vulnerados coa máis absoluta e insultante impunidade. O recorte dos direitos laborais e individuais, a quebra do sistema do benestar e a proliferación de conflitos armados son síntomas evidentes das consecuencias desastrosas do Neoliberalismo e o Imperialismo e da regresión das democracias e o auxe dos fundamentalismos (Irán, rearme talibán, creacionismo e evanxelismo americanos, Opus Dei, outras seitas destrutivas, Dafur...). No nome da “flexibilización” as grandes empresas desregularizan o mercado de traballo con xornadas laborais en incremento, soldos en descenso, contratos-lixo, e vulnerando os direitos máis elementares como o de expresarse no idioma de seu... extranxeiros no noso proprio país!

As consecuencias son ben visíbeis na sociedade galega e serano inda máis após o boom do tixolo e o formigón. A taxa de eventualidade incrementouse, de 1989 ao 2002, en 10 pontos, situándose no 34 por cento, segundo a enquisa de populación activa 2002, 38% no caso de tir a 'má sorte' de nascer muller. No ano 2003 máis do 90 por cento dos novos contratos asinados por menores de 25 anos eran temporais, cunha duración media irrisoria (90 xeiras), e o soldo un 40% inferior a un adulto.

As consecuencias resultan evidentes e do máis sangrante, mais non deita a nosa esperanza. Algunhas das máis evidentes son: a emigración da xente nova, o retroceso na idade de emancipación, o endebedamento progresivo das familias galegas, o envellecemento alarmante da populación, baixa taxa de natalidade e unha desruralización moi preocupante polo perigo que supón prá conservación do territorio. Males endémicos do país per seculum seculorum xa denunciados por X.M. Beiras Torrado n’ O atraso económico de Galiza.

No tocante ás mulleres a situación e inda moito máis grave e preocupante. A muller recibe un 25% menos de salario nos 'países ricos' por un traballo equivalente ao realizado por un home e, de novo guiándonos pola enquisa de populación actica 2002, a contratación a tempo parcial afecta nun 89,3% das mulleres. Asemade, mentres que traballan sen salario o 6,7% dos homes, o mercado negro abranxe o 19,5% das mulleres e a perspeitiva vai en aumento.

Por outra banda, desde Galiza Nova de Chantada consideramos imprescindíbel a regularización do traballo a tempo parcial, especialmente no caso dos estudantes, se ben iste complemento dos estudos estase vendo ameazado polo proceso de Boloña. Cómpre, aliás, lembrar que o auténtico sindicalismo fomenta a participación da clase traballadora e non usurpa o seu poder de decisión trasladándoo ás superestruturas como fan moitos sindicatos de índole estatal. "Ergámola espranza" con Celso Emilio e sexamos conscientes da necesidade de movilizarnos polos nosos direitos e liberdades e non por inexistentes polémicas apontadas dende os mass meia da teoría do ácido bórico e a conspiración, golpistas que pensan que todos somos da súa catadura moral.

GALIZA EN PÉ! A LOITA CONTINÚA!