Pesquisar neste blogue

terça-feira, 12 de fevereiro de 2008

Que tes que facer para votar por correo nas eleccións xerais do 9 de Marzo? Consúltao aqui!




Como saberás, o vindeiro 9 de Marzo celébranse as Eleccións Xerais, unha convocatoria electoral decisiva para que Galiza conte con un maior poder político no Estado e sexamos quen de decidir sobre aquelas políticas que nos afectan. Durante todos estes anos o BNG conseguiu que Galiza existise na política estatal, que se defenderan os nosos intereses como galegas e galegos e que se avanzara nos dereitos sociais e no noso autogoberno. Mais agora é necesario que Galiza determine as políticas que se fan dende o Estado a través do BNG, e para iso as mozas e os mozos galegos debemos participar destas eleccións porque este é o mellor xeito para conquistar o noso futuro. Non podemos quedar caladas nin calados e queremos contar contigo para que o próximo 9 de Marzo penses en Galiza e apoies ao BNG. Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos facerche chegar esta información para que no caso de que non te atopes no lugar no que esteas censado ou censada para ir a votar, poidas exercer o teu dereito a voto a través do correo.
PROCEDEMENTO
1. Todas e todos os que desexedes exercer o voso dereito a voto por correo debedes persoarvos (co Documento de Identidade) ante calquera Oficina de Correos, a partir do día 16 de Xaneiro até o 29 de Febreiro, e solicitar o certificado de inscrición á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral (OCE) correspondente. O impreso oficial facilitarásevos nas propias oficinas de Correos.
2. Unha vez cumprimentada a solicitude, envíase por correo certificado á Delegación Provincial da OCE, que te anotará no censo de votantes por correo. O inicio da tramitación do voto por correo (aínda que despois se desista) impide o voto en mesa electoral o día das eleccións.
3. Do 22 de Xaneiro ao 28 de Febreiro comeza o prazo de exposición do censo electoral nos concellos e consulados e debes comprobar se estás inscrito.
4. No prazo comprendido entre o 19 de Febreiro e o 3 de Marzo, a OCE enviará aos solicitantes do voto por correo a documentación electoral ao enderezo que indicaron na solicitude: certificado de inscrición, papeletas e sobres electorais, enderezo da mesa en que lles corresponde votar e folla explicativa de todo o proceso.
5. Coa documentación electoral elixes a papeleta de voto e introdúcela no sobre de votación, despois métela noutro sobre co enderezo da mesa electoral, xunto coa tarxeta de inscrición no censo. Por último, todas e todos os solicitantes teñen que enviala por correo certificado e urxente até o 6 de Marzo.
TODO O PROCESO É GRATUITO.
RESIDENTES AUSENTES INSCRITOS NO CERA.
1. Os Consulados e Embaixadas expoñen as listas electorais vixentes no mesmo período que rexe para a exposición das listas do censo electoral en Galiza (do 22 de Xaneiro ao 28 de Febreiro). Durante os días seguintes, poden presentarse reclamacións ante as Delegacións Provinciais da OCE ou Consulado, sobre a inclusión ou exclusión no censo, ou instar modificacións de algúns dados persoais, debendo realizarse pola persoa interesada. As reclamacións resólvense no prazo de tres días, notificándoche a resolución e publicando as rectificacións o día 3 de Marzo.
2. Até o 16 de Febreiro as Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral envían a documentación para exercer o voto aos/ ás residentes ausentes.
3. Todos os e as residentes ausentes poden exercer o seu dereito ao voto persoalmente a través das Oficinas Consulares até o 2 de Marzo que despois tramitará o Ministerio de Asuntos Exteriores ou poden remitir o seu voto por correo certificado ata o 8 de Marzo ás Xuntas Electorais Provincias.