O BNG de Chantada asume íntegramente as alegacións presentadas polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas porque nestas Directrices de Ordenación do Territorio o Goberno da Xunta de Galiza propón un cambio radical do modelo de País facendo desaparecer os valores culturais, sociais e económicos en base á modernidade, ao desenvolvemento e á innovación dunha economía ficticia aínda por crear. Impónsenos un novo concepto de equilibrio territorial, do agro, do litoral, da cultura, da paisaxe, do lecer...
Fan desaparecer as parroquias, as comarcas naturais, os pequenos núcleos e, con eles, unha maneira de ser e de vivir. Como consecuencia desaparecerán os servizos que se prestan á poboación dende a proximidade, as comunicacións entre pequenos núcleos,etc. Tamén se dan por desaparecidas as actividades primarias ligadas ao territorio.
Chantada e a súa comarca ao igual que a grande maioría da Galiza interior asenta a súa vida económica na agro-gandería da que dependen a práctica totalidade das outras actividades.
Apostamos por un mundo rural vivo, polo dereito dos labregos e labregas a ocupar un espazo, polo dereito dos labregos e labregas a ter un futuro como tales, polo seu dereito a producir e vivir do seu traballo, polo papel dos mesmos na conservación e defensa da calidade do territorio, da paisaxe e do medio ambiente, polo mantemento dos postos de traballo na agricultura, poñendo freo ao actual proceso de desaparición da explotación agraria familiar.
Sem comentários:
Enviar um comentário