Pesquisar neste blogue

quarta-feira, 2 de maio de 2012

Dúas mocións do Grupo Nacionalista para o pleno do día 7

1.- Moción lingua
O Día das Letras Galegas foi, dende a súa creación no ano 1963, un símbolo da reivindicación da nosa lingua a da súa normalización. A data inscribiuse nunha dinámica constante de acción social polo uso pleno do galego e a reclamación dos nosos dereitos lingüísticos.

Durante décadas, a sociedade galega, a través do seu tecido asociativo, foi desenvolvendo de xeito permanente ao longo do ano esa reivindicación e celebrando cada 17 de maio a data do Día das Letras que agora acada a quincuaxésima edición.

Para conmemorar os 50 anos desta emblemática celebración, prepoñemos que o Concello de CHANTADA

1.- Subscriba e espalle a adxunta declaración de apoio á nosa lingua, apelando dos medios a súa reprodución literal en galego.

2.- Garanta que no seu ámbito municipal os cidadáns poidan recibir toda a documentación e seren atendidos oralmente e por escrito en lingua galega.

3.- Asegure a completa sinalización viaria, os indicadores de orientación e os topónimos do municipio en galego.

4.- Reclame dos gobernos estatal e galego o debido apoio e respecto para o noso idioma, esixindo o cese das medidas discriminatorias e de secundarización que lamentablemente son frecuentes.

  5.- Chame á cidadanía galega a defender e transmitir a lingua propia, expresión máxima da nosa identidade e aportación de primeiro orde á cultura universal por parte do pobo galego que a mantén con agarimo e orgullo dende hai séculos .

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE CHANTADA PERANTE A QUINCUAXÉSIMA CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O Día das Letras Galegas foi, dende a súa creación no ano 1963, un símbolo da reivindicación da nosa lingua e da súa normalización. A data inscribiuse nunha dinámica constante de acción social polo uso pleno do galego e a reclamación dos nosos dereitos lingüísticos,

Durante décadas, a sociedade galega, a través do seu tecido asociativo, foi desenvolvendo de xeito permanente ao longo do ano esa reivindicación e celebrando cada 17 de maio a data do Día das Letras que agora acada a quincuaxésima edición.

En conmemoración dos cincuenta anos desta emblemática celebración, o Concello de aproba a presente declaración institucional :



1.- O Concello de Chantada reafirma públicamente o seu compromiso en defensa da lingua galega obrigándose ao seu emprego normalizado no ámbito da súa administración.

2.- O Concello de Chantada adoptará as medidas necesarias para garantir que os cidadáns poidan recibir toda a documentación municipal e seren atendidos oralmente e por escrito en lingua galega.

3.- O Concello de Chantada asegurará a completa sinalización viaria, os indicadores de orientación e os topónimos do municipio en galego.

4.- O Concello de Chantada reclama dos gobernos estatal e galego o debido apoio e respecto para o noso idioma, esixindo o cese das medidas discriminatorias e de secundarización que lamentablemente son frecuentes.

  5.- O Concello de Chantada chama á cidadanía galega a defender e transmitir a lingua propia, expresión máxima da nosa identidade e aportación de primeiro orde á cultura universal por parte do pobo galego que a mantén con agarimo e orgullo dende hai séculos .

Maio de 2012


2.- MOCIÓN DO GRUPO NACIONALISTA CONTRA O DECRETO 99/2012 de Regulación e Financiamento dos Servizos Sociais.

A Xunta de Galiza vén de facer público no DOG do 30 de marzo, por medio do Decreto 99/2012 de 16 de marzo, que quedan excluídos da axuda pública por parte da Administración Autonómica os servizos de axuda no fogar en todos aqueles concellos menores de 20.000 habitantes, o que significa que o Concello terá que financiar con fondos propios, ou via Deputación o servizo de axuda no fogar.

Un auténtico escándalo que a Xunta de Galiza se desentenda absolutamente do que é a atención aos maiores, nos concellos pequenos e medianos xa que a decisión que recolle o DOG no artigo 47 do Real Decreto 99/2012 de 16 de marzo, deixa sen posibilidade de cobertura a moitas persoas, vai provocar perda directa de emprego e non ten en conta para nada a concellos, como o de Chantada, que concentra unha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos. Non é de recibo que un servizo que a día de hoxe era financiado basicamente coas achegas que efectuaba a Deputación e a Xunta se quede sen o respaldo económico, posto que a retirada de dotación orzamentaria por parte da Xunta, vai facer máis custoso a prestazón do servizo.

Esta decisión vai facer que o custe deste servizo se incremente, nun momento no que o goberno do Estado obrigou a aprobar un plan de axuste, que sí ben en Chantada, non se van facer recurtes neste campo, non sabemos se con esta decisión da Xunta de Galiza, se verá abocado a facer.

Non nos van dar a razón, sabémolo, pero non podemos ficar parados, tranquilos nen calados ante o que se pode definir como unha nova bofetada ao sistema de benestar do Concello en particular e de todo o País en xeral. Que vai pasar cos cáseque 60 usuarios do servizo de axuda no fogar de libre concorrencia e as 13 traballadoras do servizo?. Pouco lles deben de importar á vista destas decisións…coma sempre….Nen sequera lles importa que podan ser acusados de deixación de funcións ao obrigar aos Concellos a asumir un servizo que é obrigado que se faga desde o estado ou desde a Comunidade Autónoma. Unha prédica no deserto, coma sempre…

Xa o comentamos nalgunha outra ocasión, para este ano, e para acabar cos servizos sociais nos concellos veñen de reducir cáseque a metade o diñeiro de 2009 para o Plan Concertado (20 millóns no 2009 e 12.4 millóns para o 2012). No servizo de axuda no fogar enmascaran co anuncio dun aumento de 23 a 30 millóns, a eliminación de 9 millóns do cheque asistencial e a eliminación de 7.4 millóns do Programa Comunitario de Servizos Sociais, o que supón preto de 7 millóns menos, estrangulando así aos concellos e ás persoas que utilizan os servizos sociais.

Os gobernantes da Xunta xa nen sequera disimulan, estamos ante un decreto que vai unha vez máis contra os concellos, contra dos máis febles e unha vez máis plegándose ante os poderosos e pasando absolutamente da calidade destes servizos. Como pensan que se pode levar a cabo estas iniciativas con tamaña decisión?, como cren que Chantada, un concello afectado, xa que non chegamos aos 20.000 habitantes como fala o decreto, pode dar este servizo?. Non ven, que Chantada, como outros concellos, xa conta con eses cartos para dar o servizo. Unha vez máis haberá que asumilos, Non cren que un xeito de aumentar a débeda, a culpa de quen é?. Retiren a careta, acheguen algo de sentido común, pensen nos maiores e non na tan manida austeridade. Se os defenderán máis e os escoitaran máis a miudo, seguro que aprenderíamos cada día un pouco máis.

Tamén queremos amosar o noso ¨desgusto¨ porque unha vez máis é desde un grupo da oposición e non desde o goberno municipal que se faga este tipo de iniciativas, parece que vivirán noutro mundo. Que están a facer?

Por todo isto, o Grupo Nacionalista de Chantada quere propoñer ao Pleno para á súa aprobación o seguinte

ACORDO:

Dirixirse a Xunta de Galiza pedindo á retirada do Real Decreto 99/2012 e que se abra unha liña de diálogo co conxunto dos concellos galegos, nomeadamente aqueles menores de 20.000 habitantes, a fin de que a administración autonómica siga garantindo fondos para o mantemento destes servizos.




Sem comentários: