Pesquisar neste blogue

terça-feira, 15 de maio de 2012

Resolucións da II asemblea nacionalista de Chantada

 Resolucións aprobadas pola Asemblea Nacionalista de Chantada constituída o día 28-4-2012 ás 17:00 horas co acordo de sometelas a ratificación na proxima xuntanza da asemblea que, estando prevista para o 12-m foi adiada polos actos previstos de conmemoración do 15-m por parte da Asemblea Popular de Chantada, e que será aberta a todas as persoas interesadas


PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 1. A asemblea nacionalista de Chantada é soberana no eido local, mas acredita en que non é incompatíbel, mais complementar, asemblearismo e democracia con organización e eficiencia.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 2. A asemblea nacionalista de Chantada resolve, unha vez constituída, elaborar e recabar formularios de afiliación para termos un censo actualizado da nosa militancia. Así, fíxase un período que abranxe os meses de abril e maio para tar efecto e nomeará un responsábel de finanzas e organización o día 12 de maio que, non será en ningún caso, unha persoa con responsabilidades institucionais ou noutros ámbitos internos do NPC. Tamén se nomeará unha coordenadora provisoria.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 3. Poderá ser militantes calquera persoa que asuma os principios organizativos e os principios políticos dos que no futuro se dote a nosa organización. Os militantes necesitarán presentarse en asemblea personalmente, consecuencia da aposta pola participación e o asemblearismo.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 4. A asemblea nacionalista de Chantada acorda estabelecer unha cota para ir creando unha caixa propia e que se axustará, en todo caso, ao que se acorde no futuro a nivel nacional, mais que é imprescindíbel no inmediato para calquera eventualidade.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 5. A asemblea nacionalista de Chantada incide na importancia de aprobeitar as canles comunicativas que ofrecen as novas tecnoloxías ou os medios locais. Por isto mesmo, as mocións serán publicitadas unha vez rexistradas e tamén se fará valoración do resultado obtida polas mesmas no pleno para evidenciar o noso xeito propio de facer política.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 6. A asemblea nacionalista de Chantada resolve que o grupo municipal elabore unha moción para instar ao Goberno á supresión da taxas municipais nas familias en que non haxa ingresos e non teñan cáseque patrimonio.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN  7. A asemblea nacionalista de Chantada acorda, perante a adversa climatoloxía e o aumento dos costes produtivos nas explotacións gandeiras, sustento tamén do pequeno comercio da vila, instar á cámara municipal a aprobar unha moción que sancione a supresión das taxas sobre o lixo, no que resta de lexislatura, ás explotacións gandeiras de leite e carne. Denunciaremos, amais, a vontade de INTA de cobrar retroactivamente (até 4 anos) esas taxas que foi freada polo Grupo nacionalista.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 8. A asemblea nacionalista de Chantada impele ao grupo municipal para que elabore unha moción condenatoria das medidas procíclicas de austeridade como suba do pago nos medicamentos, da supresión do "transporte non urxente", retirar a cobertura sanitaria aos maiores de 26 anos e migrantes, a suba do IVE, etc. aprobadas polo Goberno Rajoy. Exiximos que esa mesma progresividade que se quere exixir na sanidade se aplique a unha reforma fiscal progresiva que garantiría a viabilidade do gasto público social e, xa que logo, dunha educación e dunha sanidade universais, públicas e de calidade. [Houbo unha moción  da Plataforma pola Sanidade Pública que apresentou o Grupo Nacionalista e que ía máis ou menos neste sentido no pleno do día 7 de maio].

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 9. A Asemblea nacionalista de Chantada acorda convocar para o día 12 de maio unha asemblea aberta en que chama á participación a todos os axentes sociais e á sociedade civil da vila para estabelecer colectivamente dinámicas recíprocas de participación e comezar a elaborar mecanismos para a participación veciñal na instancia política.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 10. A asemblea nacionalista de Chantada acorda que as asembleas plurais e abertas son o único garante de que a vontade dos representados sexa a adoptada polos representantes. Tamén adoptamos como principio que unha persoa só pode ocupar un cargo organizativo e/ ou institucional.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 11: A asemblea nacionalista de Chantada acorda copromover, de acordo con outros axentes sociais, un medio de comunicación independente, crítico e aberto en formato dixital e que periodicamente pode ter edición en papel.


PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 12. A asemblea nacionalista de Chantada insta ás restantes asembleas nacionalistas da comarca para crear unha coordenadora comarcal que coordenará o traballo e problemáticas comúns comarcais á espera do proceso nacional.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 13. A asemblea nacionalista de Chantada acorda elaborar un documento con propostas sobre as funcións da coordenadora comarcal, entre as cales se incluirán:

a) Serán integrantes da mesma igual número de delegados nomeados por cada localidade.

b) As funcións da asemblea serán:

- Coordenar o traballo entre localidades así como exercer de punto de encontro e comunicación entre as distintas asembleas evitando a sobreacumulación de asembleas, inasumíbeis para a maioría dos militantes que teñen máis doado e factíbel cinxirse no nivel local.

- Executar e non deliberar os acordos locais. De acordo co punto anterior a soberanía reside na asemblea local. En todo caso a asemblea comarcal ten caráter consultivo e, por tanto, ten capacidade para propor tamén o que considerar oportuno ás asembleas de base.

- Deseñar, organizar e contribuír para o garante da correcta implementación de campañas comarcais (incluídas electorais se as houber).

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 14. A asemblea nacionalista de Chantada resolve instar a crear canles comunicativas coas outras asembleas do país para estabelecer unha comunicación recíproca que retroalimente os diferentes procesos locais e estabeleza, de común acordo, os marcos para fixar calendario e minimos necesarios para a Asemblea Constituínte dun novo proxecto común para a esquerda galega.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 15. A asemblea nacionalista de Chantada dotarase dos medios necesarios para a difusión das súas decisións, análises e propostas, pondo especial fincapé no emprego das novas tecnoloxías para espallar o labor do Grupo Nacionalista de Chantada. Redactaranse voceiros en papel, polo menos, con periocidade trimestral para a socialización das nosas propostas e actuación de goberno.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN final. A asemblea nacionalista de Chantada fará públicas as resolucións asembleares concernentes ao nível local, comarcal e nacional e creará as canles necesarias para a comunicación con esas instancias para participar dialecticamente no processo.

Sem comentários: