Pesquisar neste blogue

quarta-feira, 30 de maio de 2012

EXENCIÓNS FISCAIS Á IGREXA. MOCIÓN para presentar para debate no Concello



 O déficit que España ten e a caída da actividade económica, é consecuencia dunha inadecuada xestión das institucións públicas, do espolio desenvolvido polos mercados, os especuladores e os bancos, da permisividade para a circulación de diñeiro negro e pola enorme fraude fiscal existente, todo iso recae, exclusivamente, sobre as costas da cidadanía, que sofre: un agoníco paro, aumento da pobreza, perigosos recortes de innumerábeis e básicos dereitos sociais, o aumento do IRPF, xunto á baixada unilateral dos salarios e o aumento de diversos impostos, incluído o imposto de bens inmobles (IBI) (o RDL 20 de 30.12.11 de medidas urxentes en materia orzamentar, tributaria e financieira para a corrección do déficit público, insta ás Corporacions Locais a unha suba do IBI de entre o 4 e o 10%).

Esta irregular situación, agrávase coas exencións fiscais das que gozan diversas entidades, en especial a igrexa católica (que é a maior posuidora de bens inmóbeis) ou Telefónica..

 O 3 de xaneiro de 1979 asinábase na Cidade do Vaticano un conxunto de acordos entre o Estado Español e a Santa Sé que configuran o coñecido como Concordato coa Igrexa Católica por medio do cal o Reino de España regula as súas relacións con esta confesión relixiosa. No terreo fiscal exclúese á Igrexa de impostos sobre a renda (IRPF) e sobre o consumo (IVE,...), de pagar contribucións urbanas polos seus edificios, de pagar impostos reais sobre a renda e o patrimonio, ademais de estar totalmente exenta do imposto por doazóns e sucesións (sendo deducíbeis do IRPF os bens doados á Igrexa).

Así ,todos os cidadáns do Estado contribuen a financiar a Igrexa Católica independentemente das nosas crenzas, os edificios relixiosos son mantidos con diñeiro público, están excluídos de pagar IBI, o seu uso é exclusivo para a igrexa e en todos os centros públicos a igrexa ten voz e voto nos claustros.

A liberdade de conciencia é con todo isto sistematicamente vulnerada, as outras relixións son claramente discriminadas e o laicismo estatal é só un espellismo. "Un estado aconfesional non pode financiar e dotar de privilexios a unha entidade relixiosa", porque esa conduta "é propia dun estado confesional ou clerical".

Aparte desta situación haberia que lembrar que no BOLETÍN OFICIAL DO ESTADO do sábado 31 de decembro de 2011 de medidas urxentes para paliar o deficit público, na DISPOSICION ADICIONAL séptima sobre Financiamento á Igrexa Católica, pódese ler que durante o ano 2012 o Estado entregará, mensualmente, a Igrexa Católica 13.266.216,12 euros, a conta da cantidade que deba asignar á Igrexa por aplicación do disposto nos apartados 1 e 2 da disposición adicional décimo oitava da Lei 42/2006, do 28 de decembro, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2007. Antes do 30 de novembro de 2013, efectuarase unha liquidación provisional da asignación correspondente a 2012, practicándose a liquidación definitiva antes do 30 de abril de 2013. En ambas as dúas liquidacións, unha vez efectuadas, procederase polas dúas partes a regularizar, nun sentido ou noutro, o saldo existente.

 Isto que significa?  Pois simplemente que todos os cidadáns soportamos sobre as nosas costas os efectos das políticas da mal chamada ¨austeridade¨ agás a Igrexa e os grupos sociais con maiores rendas (rendas do capital e non do traballo), e non nos parece xusto.

 Por outra banda, a Igrexa posúe innumerábeis inmóbeis rústicos e urbanos, bens mobiliarios, artísticos e suntuarios de todo tipo mentres o estado lle permite, inxustificadamente, a opacidade das súas contas e patrimonio, así como das operacións e transaccións económicas".

A Igrexa católica "vive nun paraíso fiscal ilexítimo e presuntamente ilegal" e goza de "enormes exencións fiscais", mentres a cidadanía sofre intensamente as desoladoras consecuencias da asfixiante crise económica.

Hai un exemplo que teriamos que comentar, ALBERTO RUIZ GALLARDÓN esixiu en outubro do pasado ano e como alcalde de Madrid que o Estado compensase o municipio por cáseque 100 millóns de euros que deixaba de recadar polas exencións do pagamento do IBI que gozan embaixadas, cuarteis, cárceres e edificios relixiosos. Agora que está no goberno do estado seria hora de que aplicara esta iniciativa ao conxunto dos concellos, que non hai que lembrar que o estan a pasar mal, e facéndollo pasar mal a todos e todas nós. Hai datos suficientes para decir que rematar coa exención á Igrexa pódenlle aportar ao Estado uns 3.000 millóns de euros anuais…

De acordo co anterior, sométese á consideración do Pleno a aprobación dos seguintes:

ACORDOS

 1.- O Concello de Chantada esixe ao Goberno e ás Cortes Xerais, que a través da Lei de Presupostos, que se debate para próximos exercicios, se suprima da Lei de Facendas Locais, a exención do IBI (imposto de bens inmobles rústicos e urbanos) á Igrexa católica e outras confesións relixiosas.

 2- Que se faga un censo, neste municipio, dos bens inmóbeis rústicos e urbanos que están censados e rexistrados a nome da igrexa católica e doutras confesións relixiosas, así como das súas entidades e asociacións afíns.

 3- Que se ínste ao Parlamento español a que se derroguen (ou se incúmpran) os Acordos do Estado español coa Santa Sé, especialmente o de Asuntos Económicos, xa que esta entidade relixiosa os incumpre, obrigando ao autofinanciamento da igrexa católica, como se contempla nos devanditos acordos e consecuentemente a iso se elimine do IRPF (imposto da renda) o ¨cadrado¨ de asignación á Igrexa católica.

 4-Que se ínste ás Cortes Xerais a que se fagan as modificacións pertinentes na Lei de Facendas locais, na Lei de Mecenado e Fundacións e outras normas locais e leis estatais e autonómicas, para evitar inxustificábeis exencións do IBI e doutros impostos á igrexa católica e a outras entidades xurídicas.

Sem comentários: