Os irmandinhos exigem a demissom urgente de toda a Executiva e a convocatória, antes do verao, dumha assembleia aberta.
José Manuel Beiras falou alto esta quarta-feira em Compostela. Três dias despois da morte eleitoral da coligaçom BNG-PSOE, o histórico líder nacionalista compareceu diante dos meios de comunicaçom canda os outros quatro “irmandinhos” que tamém estám no Conselho Nacional do BNG: Martinho Noriega, José Constenla, Cristina Amor e Concha Trigo. A mensage nom podia ser mais diáfana: O Bloque tem que iniciar de imediato um processo de refundaçom.
Numha análise de mais de meia hora, Beiras debulhou as três medidas que exige o Encontro Irmandinho para salvar a grave crise que se avezinha no BNG. A primeira delas passa pola demissom urgente de toda a Executiva Nacional: “Hai que pôr os cargos a disposiçom. É um exercício de saúde democrática indispensável”. A segunda proposta é proceder à autocrítica: “Nom se pode continuar o método de atribuir sempre as perdas de eleitorado a causas externas”. A terceira é pedir-lhe escusas aos movimentos sociais “por ter-lhe fechado as portas” e abrir-lhe as do BNG.
Beiras deixou claro que a soluçom passa por criar umha gestora que seja a encarregada de preparar umha Assembleia Nacional ordinária urgente: “Nom se pode aguardar ao Outono”. A falta de medidas rápidas “apenas fai aumentar o descrédito social e público da direcçom, que é umha causa primordial do fracaso eleitoral”. Outra condiçom inegociável para deter a crise é que a assembleia seja aberta a toda a militáncia e nom apenas por delegados, como ocorreu na cita do ano passado: “Hai que recuperar a democracia básica, o que está restaurado em toda a esquerda cívica a nível mundial”
Os “irmandinhos” aseguram que nom querem capitalizar a “refundaçom”. Por contra, sublinham que é fundamental tender-lhe a mao a parte do mundo nacionalista e da esquerda que se afastou nos últimos anos do Bloque.
“Nom queremos pirámides verticais”
Sem chegar a nomeá-los em nengum momento, Beiras cargou contra a linha marcada pola UPG e o “quintanismo”: “O mesmo aparato vertical nom pode pilotar a assembleia, seria umha fraude à militáncia. Chamamos a toda a militáncia a recuperar o exercício libérrimo de reflexionar. Nom queremos pirámides verticais”.
A soluçom, segundo os irmandinhos, passaria por manter a estrutura de frente política interclassista com a participaçom activa e decisiva dos militantes no dia-a-dia. Para Beiras, o BNG fracasa intentando copiar o modelo dos outros partidos. Neste sentido, assinalou que os conservadores volvêrom ao poder em apenas quatro anos pola falta de projecto do nacionalismo e nom por méritos próprios: “O governo acabou sendo um fim em si mesmo”, sentençou. Beiras laiu-se pola volta a Sam Caetano do PPdeG (“por nom chamar-lhe a santa máfia”, assegurou). Prognosticou tempos moi duros e pediu un esforço de todos os movimentos nacionalistas para nom incorrer nos “graves erros” dos últimos anos.
2 comentários:
Pois non
Xosé Manuel Beiras
Domingo, 08 de Marzo do 2009
Cando analistas políticos considerados de esquerdas prescinden dos trebellos de análise elaborados polo pensamento da esquerda ilustrada ao longo dos últimos douscentos anos de historia, cando tal cousa acontece, dígovos, estamos en presenza dunha forma de alienación máis grave, e de efectos máis perniciosos, cá das xentes do común. Porque o pensamento da esquerda ilustrada foi precisamente o instrumento primordial de desalienación das clases dominadas e subalternas, e máis a búsola de orientación dos seus combates emancipadores, nas dúas grandes etapas do longo ciclo histórico da modernidade: o do século "das luces", nun proceso que culmina no ideario da esquerda do bloque revolucionario francés do 1789; e o emerxente no "Manifesto" e na revolución do 1848, que cristaliza na Iª Internacional. E de aí en diante até os nosos días, coa metamorfose do suxeito histórico operada baixo e fronte á contrarrevolución ultraliberal, e traducida no fervedoiro de ideas e prácticas de loita dos movementos anti-sistema dos dous últimos decenios.
Conviríalles, a eses sapientísimos analistas, leren, ou re-leren reflexivamente, cando falan do que é "moderno", ao Alex Callinicos de Contra o postmodernismo, por exemplo -traducido por Laiovento hai xa tres lustros. Ou, cando peroran sobre o que é "democracia", ao Luciano Canfora de, tamén por exemplo -traducido ao español en Crítica- ou o Robespierre do recén falecido Georges Labica -tamén en Laiovento, mira ti. Xa non podo dicir cando invocan a "esquerda", porque é un vocábulo sustituído no seu léxico por in-significancias como "de progreso" ou "progresivo". Nen "nación" -agás que teña Estado- suplantado por "país", ou sexa, en galego, bisbarra ou comarca. Menos aínda "república", porque é unha noción anatemizada no Índice inquisitorial do pensamento celtíbero correcto -mais, con todo, deberan estudar, aínda que fose ás agachadas, o imprescindíbel El eclipse de la fraternidad de Antoni Domènech. Ou, cando menos, releren demorada e asosegadamente aos clásicos -no canto de térense apuntado a falaces bombardeos coma o famoso da "morte de Marx", lembrádesvos?: hoxe está resucitado até nos escaparates das librarías europeas de postín. A súa versión do concepto de alienación, tamén. La democracia
Conste que non pretendo darlles leccións, Ford me libre!, ignorante de min -e por iso procuro aprender. Mais o abandono das categorías conceptuais da esquerda ilustrada e dos seus métodos de esculca e interpretación dos fenómenos sociais enxendra un proceso de acumulación de erros en diagnoses e prognósticos que, introducidos na acción política, conduce á esquerda á patética situación na que se atopa, tanto nas institucións do aparello do poder, canto na súa relación coa cidadanía: unha sucesión de fracasos na representación e defensa das clases dominadas e os pobos oprimidos. E a substitución do repertorio terminolóxico e semántico da ilustración revolucionaria e transformadora por neoloxismos neutros e asexuados -cando non, ay!, pola nomenclatura do inimigo- produce confusión nos destinatarios das mensaxes e, ao cabo, incomunicación: fálaselles nunha linguaxe que non identifica o falante, que non lle permite ao oínte percibir o perfil ideolóxico do comunicador, descodificar a súa linguaxe e captar o contido da súa mensaxe, mesmo se acaso ten contido peculiar. "Progreso", "país", "moderno", "competitivo", etcétera -até "democrático"- son, empregados sen máis connotacións, vocábulos perfectamente utilizábeis, e utilizados, pola dereita máis reaccionaria -e algúns mesmo son patrimoniais seus.
Mais vaiamos ao concreto, e vexamos algunha mostra na análise dos recentes acontecementos electorais. A comezar pola derrota do "Bipartito" e o triunfo do "Pepé". Algunhas desas análises parecen facer algo así como aplicaren o principio dos vasos comunicantes na física dos fluídos: o descontento coa acción do goberno saínte provocou un cuantioso transvasamento de votos do Bipartito cara ao Pepé. E xa está. Ao sumo, engaden que fallou a hipótese de que a abstención prexudicaría ao primeiro -sería abstención do voto defraudado polo goberno- e por iso compría estimular a participación: ao cabo, a participación foi moi alta... e o goberno saínte perdeu. Cómo se entende, logo, ese desenlace? -iso non o esprican. A realidade é que a perda de apoio eleitoral do Bipartito e o medre do voto ao Pepé son fenómenos diferentes, inda que relacionados, e que portanto requiren espricacións diferenciadas tamén. Porque se a causa común e única dos dous fose o descontento co Bipartito, ben podería ocorrer que perdese votos, pero que o Pepé non os aproveitase, se aparecía ante ese eleitorado como unha alternativa inválida. E certamente que, en termos obxectivos, o Pepé era unha alternativa sen credibilidade, cando menos para o electorado desafecto do Bipartito: non aportaba ningunha solución verosímil, non fixera máis que obstrución na oposición, non tiña programa, a súa ideoloxía é a dos causantes da actual crise, era o responsábel da grave situación deixada polo fraguismo hai só catro anos. En condicións normais de cultura política, o lóxico sería alta abstención tanto para o Bipartito coma para o Pepé. Resultado: status quo. Mais non foi así. Logo, houbo algún outro factor -e iste, si, de alienación- que deu lugar a que xente do común agredida, amezada ou atemorecida pola crise -da que a demagoxia pepeísta non tivo escrúpulo ningún en culpar ao Bipartito, manda truco- se comportase, expresado en certeira metáfora clínica polo meu irmán Martiño, médico internista excelente, como un enfermo de cirrose hepática que pretende curarse a base de botellas de coñac. Conviría ler o lúcido artigo de Domènech tiduado Crisis económica y polarización politica, publicado en novembro pasado en Sin Permiso. Ou as fundamentacións da advertencia contida no informe de Massiah para o CI do FSM -que eu mesmo recensionei eiquí recentemente- verbo da ameaza dunha das máis probábeis secuelas políticas da crise en curso: a emerxencia de reximes ou procesos políticos en forma de "fascismos ou populismos fascistizantes". A manipulación desaprensiva dunha opinión desinformada con toda caste de trucos caloñadores do adversario e falsificadores da realidade, para activar os resortes máis primarios e irracionais da condición humana en estado de ansiedade, é un método de alienación consagrado como modelo polos fascismos europeus, dende os de primeira xeración dos anos vintes e trintas, deica os de segunda do aznarismo ou o berlusconismo. E iso acaba de funcionar no escenario electoral galego diante das nocas e dos ollos invidentes dos nosos analistas progres de postín.
Só outra pequena mostra: o lerio da "campaña sucia". Claro que o foi: suxa, porca, porcallenta, fedorenta -acabo de referirme a ela sen denominala así. Mais dicir que foi a máis "sucia" que se recorda revela unha amnesia incomprensíbel. Porque o BNG leva padecido campañas porcallentas da dereita fascistizante ao longo dos anos oitenta completos e boa parte dos noventa. Falsidades pezoñentas, acusacións aldraxentas, descualificacións atroces. Queimabamos os montes, iamos expropiarlles as terras e até as vacas aos labregos, eramos secuaces de ETA, foramos ás eleicións europeas con HB e así seguido: dende Augusto Assía e Victoria Armesto, primeiro, até Rajoy e Fraga despois, guindábannos todos iles e moitos máis esas infames patrañas sen que ninguén as desmentise, sen que ningún "medio" nin ningunha voz pública tivese a decencia de saírlles ao paso -polo contra, retransmitíanas impertérritos. Fraga chegou a dicir do Beiras que confiaba en que os galegos non puxesen os seus destinos nas mans dun tolo, e as súas pezoñentas palabras foron titulares. Tamén foran titulares no xornal de maior difusión na Galiza sur "os negocios de Beiras" -seica eu era o principal accionista de Televés. E a nacente editorial Laiovento era un "chiringo" do Beiras e compinches seus para branquexaren diñeiro negro do tráfico de drogas. Esquecíchedelo, analistas amnésicos? Pois nós non. Pero -ao que vou- todo ese esterco contaminado e contaminante botado polos predecesores dos que agora chegan á Xunta pra convertela nunha compañía de demolicións, limpeza étnica e mamporreo, todo iso, lonxe de dárelles réditos eleitorais, volvíase contra diles, e o BNG medraba como pantrigo en forno de leña. Daquela, por qué as mintiras que naquela altura cuspían no ar caíanlles de volta na cara? Por que non lles valeron entón, e sí que lles valeron en troques agora? Xa sei: os erros e desviacións na acción de goberno deron pé para os adversarios manipularen a credulidade da xente desencantada. Sexa. Tamén sei: o BNG divorciouse dos sectores máis activos e reivindicativos das "camadas populares", que eran a fonte máis san e o alicerce máis rexo da sua forza. Sexa tamén -malia que isto, reitero, esprica a desafección ao BNG, non a afección ao Pepé. Mais hai outro fenómeno sociopolítico determinante. No período dos oitenta e boa parte dos noventa, o pobo e a cidadanía galega estaban a seguir o curso dun proceso de descolonización ideolóxica e cultural, un proceso de desalienación identitaria e de clase no substrato popular, un retroceso do autoodio, a diglosia e demais manifestacións desa síndrome correctamente diagnosticada dende as Irmandades en diante. Un proceso de desalienación no que o Bloque andaba a desempeñar un rol sobranceiro. Neste último decenio, ese proceso inverteuse outravolta para seguir o curso dunha involución. As consecuencias están á vista, e non só no escenario electoral, nin moito menos.
Eis o fenómeno que reclama primordial atención de calquera analista social que se precie, a doenza subxacente que cómpre diagnosticar e tratar. Cun artefacto político "moderno e competitivo"? Pois non: co artefacto acaído para desalienárense as clases dominadas e subalternas da nosa nación, a búsola que marque o norde dos combates emancipadores do pobo galego nesta nova etapa do longo ciclo histórico da nosa autodeterminación na modernidade que inda non rematou -mal que lles pese aos posmodernos "fillos de Marx e CocaCola".
Artigo tirado de http://www.altermundo.org/content/view/2214/1/
Enviar um comentário