Pesquisar neste blogue

domingo, 12 de agosto de 2007

Os catro fantásticos na barca de pedra cara o país de Nunca Xamais.

9-7-2007.
Após as eleiciós municipais, o panorama resultante das mesmas, daba espranzas para dar resposta ás arelas de cambio e progreso que a cidadanía reclamaba. Porén, o panorama virouse treboento e os viraventos decidiron, unha vegada máis, navegar pola súa conta... e axiña se comprobou que o alcance da transformación é máis ben cativo.
O BNG, malia non haber nengún pauto materializado, apoiou ao PSOE e apostou polo cambio e por un goberno de progreso e estabilidade pró que o pauto era inevitábel. Nembargantes, e malia cedermos en moitas das nosas pretensións polo ben común, o PSOE decidiu seguir actuando como os Independentes e rompeu as negociacións argüindo razóns económicas e non políticas... e a barca de pedra sen áncora.
A mentira ten as gadoupas ben curtas e non nos enganarán cunha campaña de difamación e mentiras escontra o BNG e os seus membros que, simplesmente, agocha o seu inconmensurábel afán de poder e dominio chegando un dos catro fantásticos a detectar seis poderes - será o elástico- e outro a combinar o trono co tixolo.
As acusacións verquidas sobor do BNG polo PSOE chantadino e os seus meios de desinformación son en todo ponto falsos. O PSOE limitouse a omitir os fins políticos (que Ildefonso pasase todo o día despachando na alcaldía) acusando ao BNG de culpábel do fracaso do pauto local por supostas maos negras, ou sexa, a vella táctica de propaganda política que tenta agochar as proprias faltas desviando o foco de atención. En nengunha asamblea local vin uns fíos porriba da testa dos membros da equipa do BNG , como se foran bonicreques. Son estas acusaciós difundidas sen clarificar a fonte pra cubrirse as costas e atopar fácil crédito meiante o mecanismo da proxección psicolóxica; son deformaciós e esaxeraciós, mera propaganda negra. Os procedementos da mentira son variados e istes que tantos anos levan metidos no allo –millor nos allos- semellan conocelos ben, especialmente o da omisión, o da sustitución – censura nos mas meia- e o da adición, e o da negación.
Dúas semanas iñantes de chegar ao poder, Adolf Hitler asinou un artigo no Völkischer Beobachter (14-1933) no que negaba todas as afirmaciós que os xornais facían escontra o NSDAP (entre elas un préstamo de catro millós dun banqueiro sueco de ascendencia xudea) sen oferecer nen unha soa proba a prol da súa inocencia; no entanto todas as acusacións eran certas só que, co artigo, a opinión pública ficaba desconcertada sen saber a que versión acollerse, se a do sentido común e as probas ou ao home de moda na Europa daquela altura. Pois ben, a inculpación do fracaso do pauto ao BNG pola acción dunha mao negra sen apresentar unha soa proba non vai alén da creación dun rumor de tasca e café para confundir á opinión pública, que nas urnas apostou por un goberno de coalición e non polo ridículo goberno en minoría do tánden dos catro fantásticos. De haber algún goberno en minoría tiría que ser o da lista máis votada, pois do contrario a inestabilidade só traerá crebadeiros de cabeza e problemas a Chantada e afondará no sentimento dos chantadinos de que “todos os políticos son iguais”... Na verdade, vendo a extraordinaria acumulación de poderes dos catro fantásticos e a intención de darlle a Roberto a dedicación exclusiva que se lle negaba a Piñeiro (veleí a causa política omitida) fica ás claras que o proceder distes Independentes nen é o da esquerda, nen o do PSOE, senón que nos lembra aos trapicheos made in PP. Iste goberno en minoría é unha barca de pedra como a que trouxo a Sant Iago ao Reino de Galiza, só que encallará iñantes de chegar ao mar... cando os ventos democráticos os ubiquen no país de Nunca Xamais, só que mentres tanto quen paga o resgate de tan esgrevia tripulación? Como sempre Chantada... e a prezo de embaixadores; no, mandar manda carallo.

Sem comentários: