Resposta ao manifesto do PP en conmemoración do 8 de Marzo. Dia internacional das mulleres.
Levan razón ao lembrar dificultades pasadas...avances dificultosos... queda moito por facer...hai que seguir sensibilizando...avances lexislativos, Bli, Bli, Bli, Bla, Bla, Bla.
A nosa resposta foi que apoiamos todas as políticas a favor da igualdade real entre mulleres e homes pero...
Levamos apresentadas neste Concello durante moitos anos, antes na oposición e agora dende o goberno, mocións similares e o que é mellor e máis importante, traballamos dende todas as áreas de goberno para que a igualdade sexa unha realidade.
É decir, para que se entenda ben, a presentazón deste tipo de iniciativas leva aparellada actuacións para acadala definitivamente, por iso decimos que a congruencia en política é algo imprescindible. Nós sí que o somos, no goberno e na oposición e este goberno municipal tamén o é. ¿É así no partido popular?.
Para nós a resposta é crara, ¡NON! e non con maiusculas, unha cousa e predicar e outra dar trigo. Así, pedimos que conste integramente na acta deste pleno os argumentos que imos expoñer.
Non hai moito tempo que no noso pais existían 18 oficinas de Igualdade e Benestar, non levaban o nome de igualdade por casualidade, traballaban por ela, ás que hai que sumar a oficina do módulo Nelson Mandela do Centro Penitenciario de Teixeiro, que atendian 294 concellos, é dicir, a práctica totalidade dos municipios galegos, exclusión feita dos de carácter urbano.
Pois ben, tanto a Conselleria de Traballo e Benestar como a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, cargáronse estas oficinas e as súas traballadores e traballadores, para que sexan, segundo a Xunta, os concellos os que asuman os servizos que se prestaban desde estas oficinas, por suposto recurtando as axudas, e quero lembrar a do noso Concello duns 38.000 euros. Poñen fin a unhas oficinas que, desde un punto de vista integral e multidisciplinar, supuxeron unha clara melloría na prestación dos servizos sociais no canto de as afortalar dando continuidade a un proceso de consolidación de emprego para os seus traballadores e traballadoras paralizado pola Xunta do PP. Hai que ter en conta que estas oficinas de I+B traballaban en permanente coordinación cos servizos municipais, desconxestionando o seu traballo ao permitir derivar cara elas un volume importante de asuntos.
Pero hai máis:
• Rebaixouse o orzamento do 2009, de 5 millóns de euros a menos dun millón no 2010 para políticas de igualdade, ademais de suprimir proxectos de dinamización das mulleres no ámbito rural.
• Unha das primeiras decisións que adopta o Presidente da Xunta de Galiza foi nomear un goberno que non é paritario, incumprindo a legalidade vixente que obriga a que o Consello da Xunta sexa paritario.
• A segunda decisión, é apoiar unha Iniciativa Lexislativa Popular promovida por asociacións antiabortistas, que pretende crear unha rede, en mans destas asociacións, destinada a impedir que as mulleres decidan libremente sobre a súa maternidade.
• En paralelo, paralizan a actuación dos centros Quérote e desmantelan servizos de información e os puntos de información ás mulleres.
• Desmantelan a rede de servizos sociais, canalizada a través do Consorcio, que sentaba as bases para a creación dunha rede de servizos públicos (de atención á infancia, dependentes e persoas maiores). Servizos que son básicos para “liberar” ás mulleres das tarefas do coidado, facilitando a súa participación e desenvolvemento a nivel laboral, persoal ou cultural. Aí están as galescolas ou centros de día construídos e sen abrir, a cancelación da posta en marcha dun servizo de “canguros” ou a vocación de privatización destes recursos.
• 35 centros de día pechados mentras se chantaxea aos concellos para privatizalos. Non se aposta por SOGASERSO e non se abren tres residencias para maiores que estaban en carteira. Coidadores e dependentes cobrando tarde as axudas ou simplemente non cobrando porque se retrasan as valoracións.
• A promesa electoral de que se garantiría o principio de “a igual traballo, igual salario” ficou niso, nunha promesa, sen que se teña adoptado nin unha soa medida neste terreo. Mais no ámbito laboral, e apoio á incorporación das mulleres ao mundo laboral, eliminaron as axudas á cotitularidade, as axudas ás redeiras....
• Denunciamos o pasado 25 de novembro, a relaxación do goberno no desenvolvemento da Lei Galega contra a Violencia de Xénero. Cancelan a celebración de premios como o “Eu tamén navegar” (medida de sensibilización social), poñen atrancos no desenvolvemento do Programa Rodela, paralizan a plataforma de teleformación en violencia de xénero, ou segue pendente a posta en marcha de órganos como o Observatorio Galego de Violencia de Xénero ou o Consello Galego das Mulleres.
• Tamén estamos a pedir a retirada do Anteproxecto de Lei elaborado polo Goberno galego para suprimir o Servizo Galego de Igualdade que é un organismo autónomo da Xunta de Galicia, creado por Lei 3/1991, de 14 de xaneiro, e o seu obxectivo é promover a igualdade de dereitos e a non discriminación entre homes e mulleres, a participación e integración das mulleres na vida social, cultural, económica e política de Galicia.
As mulleres deste país seguro que agredecian mais o fortalecemento da Lei integral contra a violencia de xénero que o show dos conselleiros co escarnio e maldicer dos globos o 8 de Marzo. As vítimas da violencia levan mais dun ano sen cobrar o salario da liberdade e 50 ficaron sen atender polo despedimento de traballadoras en Benestar.
¿Son vostedes os que apostan pola igualdade, son vostedes os que queren realmente a igualdade?. Eu, coma portavoz, o grupo municiapl do BNG, o goberno municipal e podo falar en nome dos compañeiros e compañeira do PS, non o cremos. Deixense de presentar mocións nas que non cren ou sexan congruentes con elas e traballen pola igualdade real entre homes e mulleres.
Como escribiu León Tolstoy: achámonos sumidos, nun abismo tal de embustes, que é necesario, para que nos decatemos da verdade, que nos caia, polo menos, unha tella na cabeza.
1 comentário:
Muito bem Pinheiro, contra a demagógia dados e verdades coma punhos.
Enviar um comentário