Pesquisar neste blogue

segunda-feira, 26 de abril de 2010

Son perigosos os alimentos transxénicos? por Elvira Cienfuegos López.

E ¿que tipo de perigos poden agochar? ¿Sanitarios? ¿Ambientais? ¿Sociopolíticos e económicos? ¿Os riscos a eles asociados son asumibles? ou, dito doutra maneira, ¿os posibles beneficios poderían compensar os posibles riscos? O certo é que estamos ás portas dunha nova revolución verde, promesa ou ameaza para o Planeta, en función do papel que nela consiga xogar a sociedade: non hai que esquecer que está promovida polas grandes empresas multinacionais e que, por tanto, a colectividade terá que esforzarse en conseguir para si a capacidade decisoria que lle corresponde.


«A irresistible ascensión da bioloxía molecular» coincide co final da guerra fría e a perda de interese na carreira espacial. E os resultados económicos non se fixeron esperar: entre 1985 e 1988 multiplicáronse por dez as ventas estadounidenses de productos obtidos por procedementos de enxeñería xenética. Tratábase fundamentalmente de substancias de carácter terapéutico: insulina producida por bacterias modificadas xeneticamente, interferóns (axentes antivíricos), vacinas como a da hepatite B, etc. Os avances en xenética molecular relacionada coa medicina proseguiron tamén noutros campos: detección de enfermidades hereditarias, aplicacións forenses (probas de paternidade, probas criminalísticas...), terapia xénica, proxecto xenoma humano... As novas tecnoloxías invaden tamén campos ata agora reservados ás tradicionais: a producción de queixo e outras fermentacións, aparecendo ademais no mercado productos novos como a fructosa (en substitución da sacarosa). Os animais, domésticos ou non, tampouco escaparon á investigación: a ninguén lle pasou desapercibida a clonación da ovella Dolly, pero a experimentación, en distintas fases, afecta a outros moitos, desde a vaca, para a que existe unha hormona recombinante que os Estados Unidos se empeña en comercializar en Europa (onde, polo de agora, está prohibida) ata os peixes e moluscos. E desde que en 1994 saíra á venta o primeiro tomate transxénico, as grandes multinacionais do sector agrícola lanzáronse a unha carreira vertixinosa por inundar o mercado con plantas modificadas xeneticamente.

A nova situación suscita unha revisión ética, filosófica e política e esixe un novo ordenamento xurídico que garanta que os avances científico-técnicos se poñan ó servicio da poboación, contribúan a garantir os seus dereitos individuais e colectivos e repercutan na mellora da súa calidade de vida. A xustificada hostilidade que as biotecnoloxías xeran hoxe na opinión pública prové en boa medida de como, para que e por quen están sendo utilizadas. Así, unha das demandas máis básicas e comúns que non está sendo atendida é que se aplique rigorosamente o principio de precaución, é dicir, que antes de autorizarse unha producción se demostre que a nova substancia ou proceso é inocua para a saúde e o medio ambiente (a curto, medio e longo prazo); por contra, e anque neste momento existe por parte da Unión Europea unha moratoria de facto para a autorización de novas plantas transxénicas segue estando permitida a comercialización da soia transxénica de Monsanto así como o cultivo e a comercialización do millo Bt de Novartis. De todos os xeitos, moitos países europeos adoptaron prohibicións nos seus territorios; non así o Estado Español, principal importador e cultivador europeo de plantas transxénicas e o sexto país do mundo en canto á extensión deste tipo de cultivos.



Os seres vivos teñen a información hereditaria codificada en longas moléculas de ADN. Cada fragmento de ADN que determina unha característica concreta denomínase xene. Plantas transxénicas son as que, ademais da propia información xenética, conteñen xenes doutras especies que lles foron introducidos por enxeñería xenética; son xenes «seleccionados» por aportaren á planta unha característica que antes non tiña: a resistencia a un herbicida ou a un insecto, a supervivencia en determinadas condicións climáticas...

Para «fabricar» unha planta transxénica, por unha parte, hai que seleccionar a variedade que se quere transformar e garantir que poida rexenerarse a partir de fragmentos moi pequenos; por outra parte, hai que illar o xene que se pretende introducir, obténdoo dun virus, bacteria, animal, vexetal... Para introducir o xene na planta (no que aínda é só un pequeno fragmento dela) utilízanse basicamente dous métodos: un deles, o máis antigo, consiste en unilo a un fragmento de ADN dunha bacteria que ten a propiedade de atravesar con certa facilidade as paredes e membranas da célula vexetal e chegar ó seu núcleo; outro baséase na súa introducción directa mediante técnicas como a eletroporación ou o microbombardeo. ¿Como saber se o proceso tivo éxito? Para iso están os xenes marcadores (introducidos xunto co xene obxectivo), que, ata agora, eran con frecuencia xenes de resistencia a antibióticos: bastaba con engadir o antibiótico ó medio de cultivo, e, se a planta resistía, podíase concluír que os novos xenes («transxenes») se integraran nela e expresaban a característica esperada.


Unha cuestión intimamente asociada ós productos transxénicos e de gran transcendencia é a das patentes sobre a vida: a nova normativa fai, entre outras cousas, que os países do Sur, os que conservan maior biodiversidade, estean sendo obxecto dun saqueo continuo que xa ten nome: biopiratería (legal ás veces, ilegal outras). E son precisamente estes países os que poderían resultar máis desfavorecidos coa implantación das novas tecnoloxías, ben porque as súas produccións actuais poderían ser obtidas nos países ricos, ben porque os gastos asociados ás novas plantas transxénicas non poderían ser asumidos (e menos polos pequenos agricultores).

Aínda sen entrar en riscos socioeconómicos, a consideración dos que poden afectar á saúde e ó medio ambiente deixa abondo espacio para a inquedanza. Son moitos os científicos que avogan por unha moratoria á liberación ó medio de organismos xeneticamente modificados (a Asociación Médica Británica fixo esta mesma petición ó goberno); outros, é certo, están a favor dos alimentos transxénicos, e as súas opinións mesmo se oen máis cas dos primeiros (estar co poder económico da certas vantaxes). Claro que científicos houbo que apostaron pola enerxía nuclear ou por unha alimentación animal que desembocou no mal das «vacas tolas». E, a maioría das veces, cando os medios de comunicación falan do «aval científico para os alimentos transxénicos» están recollendo unicamente a opinión dos biotecnólogos, científicos que se ocupan de «fabricar» organismos xeneticamente modificados, non de avaliar os riscos que poden ocasionar.

O certo é que a respecto das consecuencias non desexadas da liberación ó medio de organismos modificados xeneticamente e do consumo de alimentos procedentes deles, a ciencia ten aínda poucas respostas e isto si é un problema: a humanidade e o planeta estanse a converter nun campo de experimentación das multinacionais, interesadas en obter o máximo beneficio a curto prazo e non en responsabilizarse das consecuencias. E estas poden ser extremadamente graves. Robtlab, premio Nobel de Medicina, dicía non hai moito: «Os perigos da enxeñería xenética son equiparables ós da enerxía nuclear». Sen embargo, mentres se están investindo elevadas sumas de diñeiro en novos organismos xeneticamente modificados, invístese moi pouco en avaliación de riscos, e esta desproporción xera xustificadas desconfianzas na poboación. Por outra parte, moitos dos estudios foron realizados polas propias multinacionais sen que houbese corroboración por outros científicos, e, sendo coñecidas as presións exercidas sobre os que obtiveron resultados preocupantes (investigacións sobre os efectos da hormona recombinante bovina, do millo Bt nas bolboretas Monarca, das patacas nos ratos...) non é desasisado sospeitar que se silenciaran, se os houbera, datos desfavorables.

En todo caso, é evidente que, ó día de hoxe, non hai consenso na comunidade científica e que se necesitarían máis investigacións e caso por caso: non houbo tempo suficiente para avaliar en distintos medios, a medio e longo prazo, con produccións a grande escala, os efectos da liberación ó medio e do consumo de organismos transxénicos.



A maior parte das plantas transxénicas son resistentes a herbicidas ou insectos. O interese de plantar variedades resistentes a herbicidas vai necesariamente ligado ó seu uso, mesmo a un uso intensivo: as plantas poden conter restos de herbicidas ou de substancias fabricadas pola planta para resistir a eles, o cal puidera ter repercusións negativas na saúde. Algo semellante se pode dicir das plantas que «fabrican» insecticidas: estarémolos consumindo ó tempo que consumimos a planta. É certo que as cantidades poden ser pequenas, pero iso non exclúe a posibilidade de que causen danos. Cantidades moi pequenas de moléculas novas que as plantas transxénicas poden producir - ben procedentes dos xenes introducidos, ben porque a súa incorporación provoque reaxustes na expresión dos xenes da propia planta - serían suficientes para producir alerxias, posibilidade que parece que non foi suficientemente estudiado mesmo nas variedades autorizadas (e se xa resulta moi difícil identificar os axentes causantes de alerxia, dedúzase o que sucedería coa xeneralización do consumo de productos transxénicos).

Un aspecto moi transcendente é o relacionado coa resistencia a antibióticos. Ata agora, moitos dos xenes marcadores das plantas transxénicas érano para a resistencia a antibióticos, algúns, como a ampicilina, de uso común en veterinaria e medicina. Moitos científicos, e entre eles P. Courvalin, especialista en antibióticos, temen que tal práctica agrave o xa existente problema de resistencia das bacterias patóxenas, dificultándose aínda máis o tratamento de enfermidades infecciosas, máxime cando hai 20 anos que non se introduciu en clínica ningunha nova familia de antibióticos. Ainda que a probabilidade sexa baixa, non se pode descartar que o xene de resistencia, desde o aparello dixestivo ou desde o solo, acabe en bacterias causantes de enfermidades da especie humana ou de animais (o argumento foi considerado de peso na Unión Europea e serviu para non autorizar determinades «variedades» transxénicas).
Outro aspecto a considerar é a posibilidade de que, por exemplo a través da «fabricación» de plantas resistentes a virus, se estea favorecendo a aparición de novas enfermidades ou incremento da virulencia ou agresividade de patóxenos xa coñecidos.
Riscos de impactos sobre o medio ambiente
De entrada, e posto que as plantas transxénicas están orientadas a cultivos masivos, non cabe senón esperar que a actual biodiversidade se vexa diminuída: perderanse moitas variedades seleccionadas ó longo de séculos con determinados valores adaptativos que non se poderán recuperar. Por outra parte, o uso masivo de herbicidas podería tamén facer desaparecer moitas plantas silvestres e, con elas, insectos, aves e outros animais que delas dependesen directa ou indirectamente.
Pero hai máis: das plantas transxénicas existen variedades silvestres ou cultivadas coas que se poden cruzar, de xeito que a descendencia adquiriría os «transxenes». Por exemplo, do millo existen variedades locais coas que o cruce coas transxénicas da resultados fértiles, como se comprobou en Alemaña. Por tanto, unha cuestión básica a considerar antes de autorizar unha planta transxénica en determinado medio natural é que non existan nel variedades coas que se poida cruzar. Garantir o dereito a non consumir plantas transxénicas pasa necesariamente polo anterior, pero hai xa denuncias por contaminación de cultivos tradicionais con xenes de plantas transxénicas.

Non hai que descartar tampouco a posibilidade de que as plantas transxénicas poidan converterse en invasoras, en «malas herbas» de cultivos próximos, e, o que parece máis probable: contribuirán a acelerar as resistencias a herbicidas e pesticidas, dado o seu uso continuo (calcúlase que a resistencia do «taladro» do millo a toxina que emite o millo transxénico Bt é cuestión de poucos anos, e para atrasala, promóvese unha área de millo non resistente ás beiras da plantación, onde o insecto poida atopar refuxio e alimento).

Por outra parte, a acción insecticida dalgunhas plantas podería afectar a insectos beneficiosos, e de feito, recentemente se publicou que o millo Bt provocara a morte de bolboretas Monarca. En resumo, efectos non desexados, encontrados ás veces sen buscalos, apareceron xa: fanse necesarios estudios amplos e rigorosos antes de tomar decisións.



As multinacionais investiron grandes sumas na investigación, obtiveron as patentes e os permisos e lanzaron as plantas transxénicas ó mercado presentándoas como a «solución a fame no mundo». Non se tardou en cuestionar tal afirmación e ó tempo xurdiron as dúbidas sobre a seguridade das plantas transxénicas. Mentres, sucedíanse, sen éxito, reunións dos mandatarios dos diferentes países para chegar a asinar un Protocolo de Bioseguridade vinculante, que os países productores da biotecnoloxía «boicoteaban» sistematicamente. Entrementres, os alimentos transxénicos chegaban ás nosas mesas sen que puidésemos elixir porque carecían de etiqueta que os identificara; soubémonos «cobaias» das multinacionais e non nos gustou.

Os consumidores reclamaron etiquetado obrigatorio1, os agricultores preocupados por unha producción agraria sostible mobilizáronse, os países do terceiro mundo seguiron reclamando o dereito a rexeitalos por razóns de saúde, de ambiente ou de socioeconomía. ¿Quen demanda alimentos transxénicos? A resistencia cada vez máis xeneralizada ó seu consumo levou a dúbida mesmo ós agricultores que optaran por eles seducidos polas promesas da súa publicidade: hoxe non só en Europa, tamén xa en Estados Unidos hai un amplo movemento que cuestiona os transxénicos.

Para as multinacionais, a introducción dos transxénicos representa un paso máis no control da producción e comercialización de productos agroalimenticios: as variedades transxénicas están protexidas por patentes e as sementes hai que mercalas cada vez que se planten. Pero, se unha vez utilizadas se comproba que son nocivas para o medio ou para a saúde ¿quen e como vai poñer remedio á situación? O principio de precaución - recollido, por certo, no Tratado de Maastricht - imponse: mentres que non se demostre probadamente que son seguros, exclusión dos alimentos transxénicos.?

Elvira Cienfuegos López (Lourenzá, 1953) é licenciada em Ciências Biológicas e Farmácia. Catedrática de Ensino Secundário vem exercendo como responsável da comissom de transgénicos de ADEGA (Associaçom para a Defesa Ecológica da Galiza).

Sem comentários: