Pesquisar neste blogue

quinta-feira, 24 de novembro de 2011

Pleno Extraordinario. Recurtes da Xunta de Galiza en Servizos Sociais



Hai dous aspectos importantes a ter en conta cando falamos do brutal recurte que o goberno galego está a facer no plan concertado de servizos sociais.

Por una banda queremos lembrar que no pleno do Parlamento galego do 14 de xuño debateuse unha iniciativa na que se instaba á Xunta de Galiza a incrementar o financiamento do Plano Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais de competencia municipal e así asegurar a plena cobertura dosservizos sociais.

Saben cal foi a posición do Partido Popular?... rexeitar a proposición.

Non só se negaron a incrementar o financiamento do Plano Concertado senón que reduciron drasticamente os fondos aos concellos, por debaixo do xa recortado nas previsións orzamentarias do ano 2011 e o máis grave e que os concellos contaban con estes fondos tal como fora anunciado e cando xa teñen comprometidos ou realizados estes gastos
.

A Xunta, logo de varios anuncios sobre orzamentos previstos, en setembro reduciu o financiamentos en 2, 3 millóns de euros e, despois de anunciar que os pagamentos aos concellos faríanse nun 100% no 1º semestre deste ano, a día de hoxe aínda non cobraron.

Por riba, para o vindeiro ano e para acabar cos servizos sociais nos concellos van reducir case que a metade o diñeiro de 2009 para o Plan Concertado (20 millóns no 2009 e para 2012, 12, 4 millóns de euros). No Servizo de Axuda do Fogar enmascaran co anuncio dun aumento de 23 a 30 millóns, a eliminación de 9 millóns do cheque asistencial e a eliminación de 7,4 millóns de euros do Programa Comunitario de Servizos Sociais. O que vén supoñer preto de 7 millóns de euros menos, estrangulando así aos concellos e ás persoas que utilizan os servizos sociais.

E hai máis, exclúen ou dificultan o acceso ao servizo de Axuda no Fogar ás persoas que están fóra do sistema de dependencia ou as que teñen dereito recoñecido á prestacións pero non as reciben, que o 1 de outubro eran 27.400 persoas, case o 50% das que teñen recoñecido o dereito.

O caso de Chantada é coñecido, en axuda no fogar no Plan Concertado se está a prestar servizo a 68 usuarios. Que vai pasar agora co recurte?

Dende 2009 o goberno do PP na Xunta de Galiza vén diminuíndo de xeito ininterrompido os seus orzamentos fronte a crecente demanda por parte dos veciños e veciñas de servizos sociais fundamentais. Eliminan 2,5 millóns de euros para o mantemento das escolas infantís que dependen dos concellos.

Estó é clara demostración de que os recortes do PP afectan ao gasto social e un ataque ás persoas máis vulnerábeis da nosa sociedade, afectando gravemente os dereitos das persoas e executándose de xeito sangrante, con frialdade e crueldade coas persoas máis febles.

É cinismo político cando falan de blindar as políticas sociais. Incluso están dispostos a ir máis alá, introducindo medidas regresivas tamén na sanidade, pois acabamos de coñecer polo DOG de 8 de novembro de 2011 (Decreto 209/2011) que pretenden introducir un procedemento para repercutir nos usuarios e usuarias os gastos ocasionados como consecuencia do uso irresponsábel das prestacións asistenciais do sistema sanitario público, o que vén a significar un paso máis na estratexia solapada de introducir o copago pola asistencia sanitaria na rede da sanidade pública.

Aínda que tamén somos críticos co recorte feito polo goberno do Estado, co acordo dos recortes do PP na Xunta de Galiza, superan con creces estas porcentaxes.

Debemos saber, por outra parte, que con respecto á Dependencia Galiza ocupa o penúltimo lugar do Estado en relación á porcentaxe de persoas que, tendo recoñecido o dereito a percibir a prestación, non a reciben. Penúltimo lugar tamén en canto a ditames realizados sobre solicitudes.

A achega da Xunta de Galiza por habitante en 2010 era de 78,54 euros cando a media do Estado era de 102,35 euros.

Neste Pleno, a corporación de Chantada o que temos que defender é que a Xunta se comprometa a incrementar para o ano 2012 as partidas que financian os servizos e as políticas sociais, polo menos no mesmo nivel que tiñan no ano 2009. E, polo que a nós se refire, tanto aos concelleiros do BNG como aos do PSdeG-PSOE, autores desta iniciativa volvemos a rexeitar a pretensión do PP de crear unha normativa que lle permita aos concellos aplicar o copagamento dos servizos sociais comunitarios básicos e específicos como defenderon na moción que presentaron no derradeiro pleno ordinario municipal.

Chegados a este ponto é donde entra o segundo aspecto ao que nos referíamos ao inicio desta intervención. A actitude do goberno municipal, que por certo, co seu apoio, cos seus votos, aprobaron aplicar o copagamento dos servizos sociais comunitarios básicos e específicos como defenderon os concelleiros do PP na moción que presentaron no derradeiro pleno ordinario municipal. É frustrante, que teña que sair un grupo político desta corporación a protestar sobre estes recurtes e a reacción do goberno se produza varios días máis tarde. É frustrante que non fose o alcalde de Chantada o que abandeirase estas iniciativas. É frustrante que non apoiasen a celebración deste pleno extraordinario e o é porque, estamos a falar do máis importante na vida dun gobernante, a defensa do seu concello fronte aos que se queren cargar por decreto o benestar dos seus vecinos e veciñas.

 Con todo, sr. Alcalde, ímoslle dar un marxe de confianza, ímoslle propor que se quere, se acredita que este é un grave e grande problema que vai ameazar o benestar do concello que goberna, ao igual que xa fixemos no derradeiro pleno, valore reclamar no xulgado, as cantidades que Chantada vai a percibir de menos, para que nos sexan devoltas ao Concello, para poder seguir a prestar o servizo. Escomezando por elaborar un informe sobre a situación do servizo porque haberá que coñecer a situación real de cada un dos usuarios. Co recorte das axudas autonómicas, o Concello, ao mellor, non pode asumir o custe que supón atender estas persoas. Non falamos de camiños, de cemento, senón de programas de intervención con persoas. Se é así, se así o fai, nós imos apoialo.

E por suposto que lle imos pedir que unha das maneiras que ten de facelo é apoiando a moción que apresentamos conxuntamente para aprobación por este pleno.

O recorte da Consellaría de Traballo e Benestar é de 2.398.542,60 euros

O PP, dende a Xunta, está a pasar a tesoira pola Sanidade, a Educación ou a axuda á dependencia e aposta polas privatizacións

O PP decide con estos orzamentos meter a tesoira no gasto social, deixar aos concellos nunha situación moi precaria nas areas de servizos sociais e poñer en risco servizos como a axuda no fogar ou atención de emerxencia social a persoal maiores”.

Entre os recortes de ambas as dúas administración (Estado e Xunta), redúcese o orzamento destinado ao Plan Concertado, que é o instrumento de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios nos Concellos. Como estamos a ver, os primeiros programas afectados son a axuda no fogar, as emerxencias sociais e a prevención e promoción da saúde.

Os recortes no conxunto do orzamento prexudican seriamente o Plan de Inclusión e a Risga. Estes recortes “son inadmisíbeis, cando é máis que evidente que coa crise sistemática capitalista que padecemos, os servizos socias son de vital importancia para evitar a exclusión social que xa sofren moitas persoas e que corren o risco de sufrir moitas máis”.

Miren vostedes, destinar unicamente 12.985 euros para o Plan de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social é “unha auténtica demostración de que non se quere atallar o problema”. “Os recortes en servizos sociais significan de facto o finiquito de moitos convenios que a Xunta tiña cos concellos para que estes puidesen cubrir as necesidades sociais das veciñas e veciños”.

Os Servizos Sociais son o sector estratéxico idóneo para a xeración de emprego, de riqueza e de avance de novos dereitos. “Estamos diante do despropósito de botar pola borda os servizos de orientación, de información, de axuda no fogar, de aloxamento preventivo, de prevención e, por ende, de inserción social e laboral”.

Algúns exemplos:

Noia: recurte de 22.000 a 3.000 euros de axuda a domicilio

Consorcio de Ordes: de 80.000 a 9.000 euros.

Brion: 16.225,49 euros no P. C. e 140.000 euros menos para dependentes.

Ames: Recurte de 35.700 euros

Allaríz: un recorte de máis de 26.000€

Caldas, se pasa de 106.323 euros a 62.603.

Chantada: Coñecido…de cáseque 36.000 euros a poco máis de 9.000

Seguen a crer que é un problema de non facer ben os deberes, se é así todos os concellos do País os fixeron mal, ou trátase, de recurte puro e duro.

Nun debate neste mesmo lugar dixen que había que deixar de mallar nos de sempre. Estaba certo que un debate en chantada ía ter pouca repercusión en decisións posteriores que ían tomar as distintas administracións que compoñen o estado. Dixen tamén daquelas que estaba indignado por tanta mentira e aterrado pola posibilidade de que nola fixeran crer, e o resultado é o que é. A indignación non me pasou e as medidas, xa ben, están aquí.

Se hai que falar de recortes na administración, falemos da supresión de administracións sen sentido como as deputacións ou ministerios como o de sanidade ou educación, ou non están transferidas as súas competancias ás Comunidades Autónomas?. Ainda que visto o visto, vanse aprobar os orzamentos da Deputación cun aumento de 100.000 euros para axuda no fogar, quedando en 600.000 euros para paliar os recurtes da xunta, e parece que o goberno que de verdade sobra é o da Xunta.

O noso compromiso, para enfrontar as dificultades derivadas da crise, que queremos deixar moi craro, non causamos nin os cidadáns nin os concellos pero que ambos sofrimos con especial dureza, é o apoio e impulso a iniciativas para forzar a remuda das políticas antipopulares dos gobernos para cobrar máis a quen máis ten.

Temos que esixir que se planten, que nos plantemos ante os poderosos e que deixen de mallar nos de sempre.

Sem comentários: