Pesquisar neste blogue

sábado, 31 de março de 2012

Plano de axuste Chantada e postura do Grupo Nacionalista de Chantada



Como xa se informou en datas recentes, o crédito que se vai pedir ascende a 2.637.536,44 euros. Esta cantidade é a suma de toda a débeda recoñecida e sen recoñecer desde o ano 2006 até o ano 2011.

O plano apreséntase coa finalidade de facerlle fronte aos pagos das facturas dos provedores que cumplan as premisas sinaladas no decreto-lei 4/2012 de 24 de febreiro http://www.boe.es/boe/dias/2012/02/25/pdfs/BOE-A-2012-2722.pdf  .Empréstimo a dez anos e cun xuro do 5% (cando a banca privada o recibe a 1%).

Capital: 2.637.536,44 euros, intereses: 842.568,88 euros.

INGRESOS:

IBI, O estado, non os concellos, aprobou unha suba deste imposto o que lle poden reportar a Chantada uns 130.000 euros anuais.

Actualización do catastro: 70.000 euros no ano 2012 e 30.000 euros no 2013.

No ano 2011 fechouse a Oficina de Rehabilitación o que da lugar á reducción de custes no ano 2012.

Modificación da (ICIO) ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcción, instalación e obras fixado nun 3%: 50.000 euros.

Tramitación de denuncias: 10.000 euros ao ano.

Lixo: Nova licitación da empresa de recollida con instalación e recollida e colectores nos núcleos do rural: 30.000 euros ao ano a partir da nova licitación.

Servizos educativos: non se presta ningún servizo directo, a Escola de Música esta subvencionada e unha das medidas tomadas é a redución porcentual das subvencións nominativas. Asinaranse convenios coas asociación ou entidades que as perciban facendo máis eficiente e eficaz o tratamento das mesmas.

Servizos Sociais: Non sufren ningún tipo de cambio tal e como pediu o Grupo Nacionalista de Chantada.

Deportes: Estabelécese un prezo público que permitirá recadar ao Concello uns 25.000 euros anuais, cantidade (das matriculas nas EDM) que antes ía ás Ecolas Deportivas e agora cobrará o Concello. Modifícase a taxa por uso de instalacións deportivas o que da como ingresos uns 4.800 euros. En canto ao personal estabelécese en 4 monitores o cupo para este servizo o que permitirá aforrar uns 18.417,33 euros.

Outros Servizos Públicos: Modificación da ordenanza dos vados (de 18 a 23 euros ao ano para os vados particulares e de 18 a 23 máis 3 euros por coche nos colectivos). Engádese tamén a ordenanza polo uso privativo dos espazos públicos para banca e multinacionais da enerxía, da telefonía... (20.000 euros ano)

GASTOS:

Aforro de enerxia: modificación da facturación, apagado de luces, lámparas de baixo consumo, etc, nas piscinas un aforro dun 25 % en luces e gasoil (caldeira de biomasa)

Persoal: salvo ao persoal antigo, dar de baixa ao persoal do seguro privado ADESLAS, gasto farmacéutico e social.

Contratos externalizados: aproveitando a finalización do contrato da empresa xestionadora das multas, non renovar e lévalo directamente desde o Concello: 10.800 euros ao ano. Reorganización do persoal de limpeza: 9.600 euros ao ano.

Contratos de inversión: estudos de viabilidade de calquera contrato: 50.000 euros ao ano.

Reducción de contratos menores: solicitando ofertas a provedores, primando o requisito de menor prezo: 10.000 euros ao ano.

Outras medidas: Reagrupamento de contratos menores de suministros e servizos: 120.000 euros no 2012 e 240.000 nos seguintes anos.

Por parte do Grupo Nacionalista fixose a proposta de que os plenos pasasen a celebrarse cada 2 meses, aforraríase uns 3.000 euros ao ano.

A POSTURA DO GRUPO NACIONALISTA DE CHANTADA PERANTE O PLANO DE AXUSTE

Antes de máis, o noso grupo, quere mostrar o rexeitamento a este decreto xa que á súa aplicación vémoslle varios problemas:

a.- Non resolve o problema de fondo: o modelo de financiamento local. A reforma que eternamente está pendente e que, nas condicións actuais non se deberá demorar, sobre todo no relativo á participación dos concellos nos tributos do Estado no ámbito da dispersión poboacional, do envellecemento e das competencias.

Nun concello como Chantada, con máis de 175 quilómetros cadrados, con 36 parroquias, e cunha alta dispersión, non ten nada que ver a prestación de servizos como o abastecemento, saneamento, axuda no fogar, recollida do lixo, etc con outros concellos doutras partes do Estado español onde a concentración da poboación é moito menor. Está claro que o Estado ten a chave da caixa mais quen está prestando os servizos son as comunidades e en maior grao os concellos. A aplicación deste decreto, a algúns concellos, pódelles supoñer, a redución de servizos á cidadanía como consecuencia da obligación legal de recurtar gastos. Despidos de personal eventual ou laboral, EREs municipais e en servizos concesionados, e a conxelación da inversión pública, co conseguiente dano na economía e a paralización de plans de desenvolvemento local.

b.- Este decreto non supón unha axuda aos concellos, supón a posibilidade de pedir un crédito que deberemos devolver os cidadáns cumprindo un plano de saneamento feito en función dese préstamo. Por non falar do prazo de pago, de 10 anos e a un 5% de xuro, un autentico disparate para as arcas municipais, ademáis de escandaloso cando o interés para a banca é dun 1% o que fará será, unha vez máis, favorecer o Enriquecimento da banca (que acaba de acceder a 100.000.000.000 € do Banco Central Europeo para ter liquidez). O tipo de xuro que teñen os préstamos do BCE son do 1%. O Banco Central Europeo non pode, porque así o decidiu por presións da banca alemá e Europea en xeral, prestar directamente aos Estados membros. É a banca a que, con estes préstamos, adquire débeda soberana. Isto é, se a banca utiliza o que adquiriu directamente do BCE ao 1% gañará catro puntos neste tipo de operacións. Sempre gañan os mesmos mentras os cidadáns pagan os desaguisados da propia banca e as decisións dos que non foron elexidos a través das urnas.

É decir, os que facemos os esforzos seguimos a ser os cidadáns.


c.- Ese crédito vaise conceder en función da vontade e da valoración do Goberno central dese plan de axuste o que supón cargarse dun estadullazo a autonomía local porque, e esto hai que lembralo, non é misión do estado o financiamento das débedas das entidades locais; o que ten que facer o estado é garantir unha axeitada participación dos concellos nos ingresos do Estado.

Porqué non se ten en conta a priorización dos gastos pendentes en función da tipoloxía dos mesmos e dos servizos cos que se corresponden eses provedores?. Porqué non se analiza o gasto de carácter social que se fai desde o concello?... Porqué non se ten en conta tamén que foi o propio estado o que lle rebaixou aos concellos a participación dos tributos, e moitos, asumiron gastos que se podían cargar por esa via?... Porqué non se fala da liquidación negativa que teñen que devolver os concellos polas malas previsións feitas polo goberno do Estado?... ou porqué non se prima a aqueles concellos que máis esforzo fixeron por responsabilidade para dotar de servizos e de investimentos destinados á cidadanía?. Coa aplicación deste decreto pódese dar o caso que haxa concellos que envíen facturas de gasto social, deportivo, educativo, urbanístico, de melloras no medio rural, de compra de maquinaria para garantir servizos, por creación de emprego e outros o podan facer por gastos de, digamos, ¨difícil dixestión¨, comidas, protocolo, festas, viaxes, etc. E ainda por riba pode darse a paradoxa que a estes últimos lle aproben o crédito por ter un plano de axuste máis ¨austero¨, maldito palabro, e aos primeiros denegarllo, xa que a decisión última segue a ser do goberno do Estado. Que me din incluso da posibilidade, xa que o que fai a banca e comprar facturas dos concellos, de que un banco negocie directamente cun provedor e co fin de cobrar antes lle faga unha rebaixa ao banco?. A resposta é doada, máis gaño para a banca. Senón, fíxense no no propio plan que nos acaban de presentar, no caso de Chantada hai unas ganacias para a banca privada de máis de 840.000 euros. Porqué, esta medida, non se leva a cabo a través da banca pública, a través do ICO?. Se esto non é un financiamento encuberto... que é?

Tamen nos gustaría comentar o noso malestar por convocar este pleno e a sua correspondente comisión informativa nunha data coma hoxe, un día de mobilizacións importantes contra a reforma laboral do goberno, os concelleiros do noso grupo apoiamos esta xornada de folga e témola que interrumpir para asistir a este pleno.

Saben o que lles queremos decir, o que nos pide o corpo é votar en contra para demostrar a nosa insumisión contra un decreto-lei inxusto para a cidadania e cómplice cos poderosos.

Votaremos a favor por responsabilidade con Chantada, pola paciencia que tiveron os provedores para cobrar e para que podan cobrar e seguimos a pensar que se está a mallar nos de sempre, que os únicos que gañan, coma sempre, é a grande banca.

Creanos Alcalde que este decreto nos fai subir polas paredes.

Sem comentários: