Pesquisar neste blogue

terça-feira, 26 de junho de 2012

MOCIÓN CONXUNTA DO GRUPO NACIONALISTA E DO PSdeG-PSOE PARA A DEFENSA DO PARTIDO XUDICIAL DE CHANTADA




Con data 19 de abril do ano 2012 o Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, aprobou un documento que contiña os principios e criterios básicos para unha nova demarcación xudicial, do que se daría traslado o Ministerio de Xustiza.

Con data 3 de maio de 2012  o pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, aprobou en sesión extraordinaria unha proposta de mapa xudicial que pretende resultar da aplicación dos criterios anteditos.

A proposta do pleno contempla a supresión do Partido Xudicial de Chantada xunto con todos os partidos xudiciais da provincia de Lugo que quedarían integrados nun partido xudicial con cabeceira en Lugo.

Os principios que se establecen por parte do Consello á hora de elaborar o documento proposta de  nova planta xudicial son:

-          A atención e proximidade da Xustiza ao cidadán non pode medirse en kilómetros senón en tempo e servizos.
-          O desplazamento do cidadán o Xugado e a súa presencia nas oficinas xudiciais deber reducirse aos supostos estrictamente necesarios grazas a comunicación telemática e ao uso das novas tecnoloxías.
-          As circunscripcións resultantes tirán unha poboación superior aos 100.000 habitantes e o desprazamento desde os núcleos de poboación até a cabeceira non poderán exceder dunha hora a través das vías de comunicación existentes.
-          A separación de órdes xurisdiccionais esixe un mínimo de oito xulgados para garantir un funcionamiento correcto da administración de xustiza, polo que as agrupacións resultantes tenderán a reunir un mínimo de órganos que permita acadar dita cifra.
-          A reordenación atenderá ás concretas circunstancias de xeografía política procurando respetar os ámbitos territoriais nos que se desenvolven as actividades político-económicas de cada zona.

A aplicación de tales principios, no que a provincia de Lugo e o Partido Xudicial de Chantada, (que comprende os concellos de Portomarin, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Taboada, Carballedo e Chantada) pon de manifesto un descoñecemento profundo da realidade histórica e xeográfica,  dos ámbitos territoriais existentes e das propias actividades político económicas das comarcas do sur lucense.

En primeiro lugar en canto a proximidade da Xustiza o cidadán dice que non debe medirse en kilómetros establece criterios de kilometraxe e de tempo de viaxe, e o certo é, que en algúns dos concellos que integran o partido xudicial de Chantada o tempo de viaxe ata a capitalidade provincial e superior a unha hora, engadindo as dificultades existentes co transporte público. Por se fora pouco as infraestructuras viarias son moi deficientes. A supresión, supón un alonxamento da xustiza do cidadán polo feito de que teña que desplazarse a Lugo para a realización de calquera acto xudicial.

En segundo lugar, dadas as características da población ésta ten un acceso reducido os medios telemáticos de comunicación e novas tecnoloxías.
En terceiro lugar, a población existente e un criterio que como se pode observar e sistemáticamente incumprido na propia proposta do Consello, e que de calquera maneira poderíase lograr, como segunda alternativa, coa unificación dos partidos xudiciais do sur de Lugo.

En cuarto lugar, o grave coste económico que supon para os cidadáns o feito de ter que trasladarse á capital provincial, unido a envellecemento poblacional e a gran dispersión dos núcleos ruráis, coas repercusións que elo conleva.

De consumarse a proposta elaborada polo pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial dará lugar a un grave prexuizo á cidadanía dos municipios que conforman o actual partido Xudicial.

Por todas estas razón os grupos municipais nacionalista e socialista propoñen ao Pleno a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1.- Rexeitar a proposta feita polo Consello Xeral do Poder Xudicial con data 3 de maio de 2012 no que se refire a supresión do  partido xudicial de Chantada polo grave perxuizo que supon para o acceso á xustiza dos cidadáns.

2.- Dar traslado do presente acordo ó Ministro de Xustiza do  Goberno do Estado, a fin de que non se leve a efecto a supresión do partido Xudicial.

3.-  Dar traslado do presente acordo o Presidente da Xunta de Galiza, a fin de que adopten as medidas que procedan para o mantenemento do partido xudicial.

4.- Dar traslado do presente acordo os voceiros dos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a fin de que sexa tido en conta polo seu órgano de gobernó, informando a favor do mantemento do Partido Xudicial.  Dar traslado así mesmo aos voceiros dos partidos políticos do Congreso dos diputados e do Senado, ao Colexio Provincial de Abogados e ao Colexio Provincial de Procuradores de Lugo.

5.- Poñer en coñecemento da cidadanía a existencia deste acordo e dos graves perxuizos que de levarse a efecto a supresión do Partido xudicial se ocasionarían.



En Chantada, o 25 de xuño de 2012


Asdo:

Ildefonso Piñeiro Díaz. Portavoz Nacionalista






 
  Xosé Manuel Ledo. Portavoz do PSdeG-PSOE

domingo, 24 de junho de 2012

Proposta do Grupo Nacionalista e o PSOE sobre a nova ordenanza para a recollida de lixo


 Ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Chantada

Examinadas as cláusulas administrativas e prescripcións técnicas que rexerán a contratación da xestión do servizo público de limpeza viaria, recollida e transporte de residuos sólidos urbáns do Concello de Chantada, sometidas a información pública mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da provincia de Lugo número 131 de data 8 de xuño de 2012, obsérvase o seguinte:

A)    Cláusula quinta:.- Duración do contrato: dez anos.
B)    Cláusula cuarta:.- Tipo de licitación: 293.743,50 euros anuais e 23.499,49 euros de IVE, que fan un total de 317.243,08 euros.
C)    Cláusula sétima:.- Presentación de proposicións e documentación: oito días a contar dende a publicación.
D)    Cláusula décima:.- Mesa de contratación composta polas persoas designadas pola Alcaldía ou Comisión Local de Goberno.
E)     A iniciación e aprobación do expediente:.- Aparecen ditos actos, aprobados por resolución da Xunta de Goberno Local de data 24 de maio de 2012.

Pois ben, todas esas disposicións e demáis contidas no expediente tramitado, non se axustan ao disposto na normativa que regula a expresada contratación, que é a seguinte:

A Disposición Adicional 2ª do Real Decreto Lexislativo 3/2011, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público, relativa a Normas específicas da contratación das Entidades Locais, establece o seguinte distribución competencial:

Alcalde-Presidente da Entidade Local:

1.- Os contratos de obras, de suministro, de servizos, de xestión de servizos públicos, etc…, cando a súa cuantía non supere o 10% dos recursos ordinarios do ornamento nin, en calquer caso, a cuatía de 6 millóns de euros, incluídos os de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todalas anualidades non supere, nin a porcentaxe indicadas, referido aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro ejercicio, nin a cuantía sinalada.

2.- Corresponde ao Pleno as competencias como órgano de contratación respecto dos contratos non mencionados no apartado anterior que celebre a Entidade Local.

7.- Corresponde ao órgano de contratación a aprobación do expediente e a apertura do procedemento de adjudicación nos termos que se regulan no artigo 110.

A aprobación do prego de cláusulas administrativas particulares irá precedida dos informes do secretario ou, no seu caso, do titular do órgano que teña atribuída a función de asesoramento xurídico da Corporación, e do Interventor.

Os actos de fiscalización exércense polo Interventor da Entidade Local.

10.- A Mesa de Contratación estará presidida por un membro da Corporación ou un funcionario da mesma, e formará parte de ela, como vogais, o Secretario ou, no seu caso, o titular do órgano que teña atribuído o asesoramento xurídico, e o Interventor, así como aqueles outros que se designen polo órgano de contratación entre o persoal funcionario de carreira ou persoal laboral ao servizo da Corporación, ou membros electos da mesma, sin que o seu número total sexa inferior a tres. Actuará como Secretario un funcionario da Corporación.

A vista de dita normativa, resulta claro e patente que a competencia para a contratación da xestión do servizo público de referencia corresponde ao Pleno da Entidade, ao ter unha duración de dez anos e ademáis, a cuantía supera o 10% dos recursos ordinarios do ornamento. Dándose, neste caso, os dous supostos previstos en dita disposición legal.

Por outra parte existen as seguintes infraccións legais que afectan a todo o expediente de contratación:

-          Infracción do artigo 109, o non ser iniciado o expediente polo órgano de contratación.
-          Infracción do artigo 110, ao non ser aprobado o expediente polo órgano de contratación.
-          Infracción do artigo 112, ao non axustarse os prazos ao establecido nos artigos 158 e 159.

Todo o actuado está incluído nos supostos de invalidez e nulidade previstos nos artigos 31 e 37 do R.D.L. 3/2011, de 14 de novembro, do texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público e artigo 62.1 da Lei 30/1992, de 26 de novembro.

Polo exposto, solicitamos se proceda a unha nova tramitación do expediente de contratación.
                                  


                                                Chantada 22 de xuño de 2012



Asdo: Portavoz do Grupo do Psoe.              Ado: Portavoz do Grupo Municipal Nacionalista
         Xosé Manuel Ledo Fernández                     Ildefonso J. Piñeiro Díaz

segunda-feira, 18 de junho de 2012

Chantada participa na Coordinadora Nacional de Asembleas Nacionalistas




A Asemblea Nacionalista de Chantada participou o 16 de xuño  na Coordinadora Nacional de Asembleas Nacionalistas, celebrada en Teo, de acordo co aprobado na IV asemblea nacionalista de Chantada.

Nesta xuntanza, ademais de constituír formalmente dita coordinadora, coa presenza de representación de medio cento de asembleas, acordamos celebrar a Asemblea Nacional Constituínte do novo movemento político o 14 de xullo en Compostela, coincidindo cunha efeméride histórica como a toma da Bastilla na revolución francesa de 1789 e na onda dunha nova esquerda plural e transformadora como o é Syriza en Grecia. 

Ademais, creáronse dúas comisións, unha organizadora e outra para redactar unha proposta de textos, que están abertas á participación de xente e onde a nosa asemblea conta con representación. 

Fíxose tamén un chamado á participación da cidadanía neste proceso.

Galiza, 16 de xuño de 2012.

COMUNICADO PÚBLICO DA COORDINADORA DE ASEMBLEAS POR UN NOVO REFERENTE POLÍTICO PARA A GALIZA

Reunida a coordinadora provisional de asembleas locais e comarcais por un Novo Proxecto Común
ACORDAMOS:
 1.- Convocar a Asemblea Nacional Constituínte para o día 14 de xullo en Santiago de Compostela. Esta Asemblea Constituínte está aberta á participación, a título individual e directo, de todas aquelas persoas que estean a prol dunha nova organización do nacionalismo galego, teñan participado ou non, nas asembleas locais ou comarcais que constituíran até esa data.

 2º.- Constituir dous grupos de traballo: un de carácter técnico-organizativo, e outro encargado da redacción dos documentos ideolóxico-políticos.

 3.- Facer un chamado e animar á constitución de novas asembleas ao longo deste proceso que se manterá aberto á incorporación daquelas novas asembleas que se organicen territorialmente.

 4.- Facer un chamado a todas as persoas que cunha visión diferente, dentro da pluralidade existente no nacionalismo galego actual, estean a traballar dende ópticas diferentes na construción do novo referente político que a sociedade galega demanda. As portas están abertas e a obra sen rematar.

Teo, 16 de xuño de 2012.

quarta-feira, 30 de maio de 2012

EXENCIÓNS FISCAIS Á IGREXA. MOCIÓN para presentar para debate no Concello



 O déficit que España ten e a caída da actividade económica, é consecuencia dunha inadecuada xestión das institucións públicas, do espolio desenvolvido polos mercados, os especuladores e os bancos, da permisividade para a circulación de diñeiro negro e pola enorme fraude fiscal existente, todo iso recae, exclusivamente, sobre as costas da cidadanía, que sofre: un agoníco paro, aumento da pobreza, perigosos recortes de innumerábeis e básicos dereitos sociais, o aumento do IRPF, xunto á baixada unilateral dos salarios e o aumento de diversos impostos, incluído o imposto de bens inmobles (IBI) (o RDL 20 de 30.12.11 de medidas urxentes en materia orzamentar, tributaria e financieira para a corrección do déficit público, insta ás Corporacions Locais a unha suba do IBI de entre o 4 e o 10%).

Esta irregular situación, agrávase coas exencións fiscais das que gozan diversas entidades, en especial a igrexa católica (que é a maior posuidora de bens inmóbeis) ou Telefónica..

 O 3 de xaneiro de 1979 asinábase na Cidade do Vaticano un conxunto de acordos entre o Estado Español e a Santa Sé que configuran o coñecido como Concordato coa Igrexa Católica por medio do cal o Reino de España regula as súas relacións con esta confesión relixiosa. No terreo fiscal exclúese á Igrexa de impostos sobre a renda (IRPF) e sobre o consumo (IVE,...), de pagar contribucións urbanas polos seus edificios, de pagar impostos reais sobre a renda e o patrimonio, ademais de estar totalmente exenta do imposto por doazóns e sucesións (sendo deducíbeis do IRPF os bens doados á Igrexa).

Así ,todos os cidadáns do Estado contribuen a financiar a Igrexa Católica independentemente das nosas crenzas, os edificios relixiosos son mantidos con diñeiro público, están excluídos de pagar IBI, o seu uso é exclusivo para a igrexa e en todos os centros públicos a igrexa ten voz e voto nos claustros.

A liberdade de conciencia é con todo isto sistematicamente vulnerada, as outras relixións son claramente discriminadas e o laicismo estatal é só un espellismo. "Un estado aconfesional non pode financiar e dotar de privilexios a unha entidade relixiosa", porque esa conduta "é propia dun estado confesional ou clerical".

Aparte desta situación haberia que lembrar que no BOLETÍN OFICIAL DO ESTADO do sábado 31 de decembro de 2011 de medidas urxentes para paliar o deficit público, na DISPOSICION ADICIONAL séptima sobre Financiamento á Igrexa Católica, pódese ler que durante o ano 2012 o Estado entregará, mensualmente, a Igrexa Católica 13.266.216,12 euros, a conta da cantidade que deba asignar á Igrexa por aplicación do disposto nos apartados 1 e 2 da disposición adicional décimo oitava da Lei 42/2006, do 28 de decembro, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2007. Antes do 30 de novembro de 2013, efectuarase unha liquidación provisional da asignación correspondente a 2012, practicándose a liquidación definitiva antes do 30 de abril de 2013. En ambas as dúas liquidacións, unha vez efectuadas, procederase polas dúas partes a regularizar, nun sentido ou noutro, o saldo existente.

 Isto que significa?  Pois simplemente que todos os cidadáns soportamos sobre as nosas costas os efectos das políticas da mal chamada ¨austeridade¨ agás a Igrexa e os grupos sociais con maiores rendas (rendas do capital e non do traballo), e non nos parece xusto.

 Por outra banda, a Igrexa posúe innumerábeis inmóbeis rústicos e urbanos, bens mobiliarios, artísticos e suntuarios de todo tipo mentres o estado lle permite, inxustificadamente, a opacidade das súas contas e patrimonio, así como das operacións e transaccións económicas".

A Igrexa católica "vive nun paraíso fiscal ilexítimo e presuntamente ilegal" e goza de "enormes exencións fiscais", mentres a cidadanía sofre intensamente as desoladoras consecuencias da asfixiante crise económica.

Hai un exemplo que teriamos que comentar, ALBERTO RUIZ GALLARDÓN esixiu en outubro do pasado ano e como alcalde de Madrid que o Estado compensase o municipio por cáseque 100 millóns de euros que deixaba de recadar polas exencións do pagamento do IBI que gozan embaixadas, cuarteis, cárceres e edificios relixiosos. Agora que está no goberno do estado seria hora de que aplicara esta iniciativa ao conxunto dos concellos, que non hai que lembrar que o estan a pasar mal, e facéndollo pasar mal a todos e todas nós. Hai datos suficientes para decir que rematar coa exención á Igrexa pódenlle aportar ao Estado uns 3.000 millóns de euros anuais…

De acordo co anterior, sométese á consideración do Pleno a aprobación dos seguintes:

ACORDOS

 1.- O Concello de Chantada esixe ao Goberno e ás Cortes Xerais, que a través da Lei de Presupostos, que se debate para próximos exercicios, se suprima da Lei de Facendas Locais, a exención do IBI (imposto de bens inmobles rústicos e urbanos) á Igrexa católica e outras confesións relixiosas.

 2- Que se faga un censo, neste municipio, dos bens inmóbeis rústicos e urbanos que están censados e rexistrados a nome da igrexa católica e doutras confesións relixiosas, así como das súas entidades e asociacións afíns.

 3- Que se ínste ao Parlamento español a que se derroguen (ou se incúmpran) os Acordos do Estado español coa Santa Sé, especialmente o de Asuntos Económicos, xa que esta entidade relixiosa os incumpre, obrigando ao autofinanciamento da igrexa católica, como se contempla nos devanditos acordos e consecuentemente a iso se elimine do IRPF (imposto da renda) o ¨cadrado¨ de asignación á Igrexa católica.

 4-Que se ínste ás Cortes Xerais a que se fagan as modificacións pertinentes na Lei de Facendas locais, na Lei de Mecenado e Fundacións e outras normas locais e leis estatais e autonómicas, para evitar inxustificábeis exencións do IBI e doutros impostos á igrexa católica e a outras entidades xurídicas.

terça-feira, 15 de maio de 2012

PLENO EXTRAORDINARIO. 14 de maio

PROPOSTA DA ALCALDÍA:

Considerando que o artigo 10.1 do Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de febreiro, polo que se determinan obligacións de información e procedementos necesarios para estabelecer un mecanismo de financiación para o pago aos provedores das entidades locais estabelece: ¨As entidades locais poderán financiar as obligacións de pago aboadas no mecanismo perante a concertación dunha operación de endebedamento a longo prazo cuxas condicións financieiras serán fixadas por acordo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos¨. 
(NON LLE DEIXAN AOS CONCELLOS NEGOCIAR DIRECTAMENTE, INVASIÓN DE COMPETENCIAS?).

Cosiderando que con data 29 de marzo de 2012 por acordo do Concello Pleno adoptouse acordo de aprobación do Plano de Axuste ao que se refire o Real Decreto_lei 4/2012. Sendo valorado favorabelmente polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (HOUBO POLO TANTO QUE PASAR UN EXAME), e en consecuencia autorizada a operación de endebedamento de conformidad eco estabelecido no artigo 7.5 de dito Real Decreto-Lei.

Considerando que a orde PRE/773/2012, do 16 de abril, estabelece as características principais do Acordo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos para a posta en marcha do mecanismo de financiamento para o pago de provedores das entidades locais, co seguinte detalle:

a) O financiamento máximo por entidade local (incluindo os seus organismos autónomos e entidades dependentes que lle pertencen íntegramente), será da suma de:
Obligacións pendentes de pago recollidas nas relación iniciais remitidas polas Entidades Locais até o día 15 de marzo, e respeito das cales os contratistas, directamente ou a través daquelas, manifesten a súa vontade de acollerse ao procedemento do Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de febreiro.
Obligacións pendentes de pago que consten nos certificados individuais que se remitirán polas Entidades Locais recoñecendo a existencia de débedas con proveedores.
Obligacións pendentes de pago con contratistas que, habendo aceitado a aplicación do citado Real Decreto-Lei 4/2012, estén suxeitos a procedementos de embargo ou de concurso de acreedores.

b) Prazo das operacións. Un máximo de 10 anos con 2 anos de carencia na amortización principal.

c) Tipo de xuro para o prestatario. O equivalente ao costo do financiamento do Tesouro Público aos prazos sinalados máis un marxe máximo de 115 pontos básicos ao que hai que engadir unha marxe de intermediación dun máximo de 30 pontos básicos
(EMPEZOU A UN 5%, A DIA DE HOXE NON SE COÑECE A PORCENTAXE DESTES INTERESES)

d) O Instituto de Crédito Oficial actuará como axente coa colaboración das entidades de crédito que se adhieran ao mecanismo de financiamento. 
(SÓ SE PODERÁN FACER ESTAS OPERACIÓNS CO BBVA, CAIXABANK, POPULAR, SANTANDER E BANKIA)

De acordo cos datos facilitados polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas o importe a formalizar da operación de préstamo é de 2.519.340,10 euros.
(ALGO MENOR QUE A CANTIDADE INICIALMENTE APROBADA NO PLANO DE AXUSTE PORQUE SE ELIMINARON AQUELES PROVEDORES QUE NON ACEITARON ESTA VIA PARA O COBRO DE FACTURAS)

Considerando que o importe dos recursos ordinarios previstos no orzamento do exercicio 2012 ascenden a 4.570.942,93 euros e o importe acumulado das operación de crédito a longo prazo coa inclusión da operación que se proxecta supera o 10% dos recursos ordinarios. De conformidade co estabelecido nos artigos 21.1.f e 22.2.m da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, a competencia para a concertación da operación de crédito corresponde ao Pleno.

Visto o informe que se emite pola intervención.

PROPOSTA AO PLENO DA CORPORACIÓN:

Primeiro: Aprobar a operación de préstamo excepcional derivada do mecanismo de financiamento para o pago aos proveedores das Entidades Locais, que de acordó coa orde PRE/773/2012, de 16 de abril, son básicamente as seguintes.

a) Importe: 2.519.340,10 euros

b) Prazo. Un máximo de 10 anos con 2 anos de carencia na amortización principal.

c) Tipo de xuros. O equivalente ao costo do financiamento do Tesouro Público aos prazos sinalados máis un marxe máximo de 115 pontos básicos ao que hai que engadir unha marxe de intermediación dun máximo de 30 pontos básicos.

A operación formalizarase con aquela entidade que comunique o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (IMPOSTO POLO ESTADO) por medio do Instituto de Crédito Oficial.

Segundo: Facultar ao Alcalde-Presidente tan amoliamente e expresamente como en dereito fose necesario para a execución do acordado, asi como para a formalización da operación de préstamo.



ARGUMENTOS DO GRUPO NACIONALISTA .

No Pleno donde aprobamos o plano de axuste dixemos que o decreto que o regula é inxusto para o Concello e polo tanto para toda a cidadanía. Votamos a favor por responsabilidade, para que os provedores puideran cobrar, porque traballamos nél e porque fomos capaces de non tocar un euro do salario dos traballadores e non facendo ningún tipo de recorte en servizos que consideramos básicos como nos Servizos Sociais, mais que se segue a mallar nos de sempre. En poucas verbas, o decreto facíanos daquelas e hoxe, subir polas paredes.

  Daquelas, os intereses rondaban ou máis ben superaban o 5% do valor do crédito... en que valor están hoxe?, segundo resposta de hoxe mesmo ¨NON SE SABE¨, parece ser que nen siquera os bancos os coñecen pero están tranquilos porque van ser moi superiores a ese 5% inicial… Nós a eso chamámoslle ¨máis que usura¨. Máxime cando a bancocracia os recibe a 1% do BCE. O que nos sorprende, alo menos ao noso grupo, é que o podamos aprobar unha proposta así e preocúpanos. Se algún de nós vai a facer unha hipoteca e non lle expoñen o interés ao que a vai financiar, non a aceitariamos, ou sí?. Pódense imaxinar que os poñan ao redor do 10, do 9, do 12 ou do 8%?, tal e como van as cousas, non nos extranaria.

Seguimos a pensar o mesmo de onte, de antonte e o de hai tempo…é curioso, por non decir cabreante, que de cada 100 euros que manexa o Banco Central Europeo cáseque 9 son aportados por cidadáns do estado español, é decir, o BCE traballa con cartos públicos, préstallos a grande banca a un interés do 1% e estos prestanllos aos concellos ¿a canto?, pois non se sabe…pero nestes intres parece ser que sobrepasan o 7%. Hai un momento chamamoslle ¨usura, a estas alturas xa se nos ocorren outros calificativos.

Por outra banda, o Estado obriga aos concellos a financiarse con bancos concretos (BBVA, CaixaBank, Popular, Santander ou Bankia, vaia por deus…novamente Bankia) coñecidos como ¨Sindicato de Bancos" ou "sindicato do crime"; tamén se nos ocorren outros calificativos provocando o de sempre, ganancias para a grande banca, con cartos públicos. Outras entidades como por exemplo NovaGaliciaBanco por non estar nomeada como entidade colaboradora non pode participar do ¨pastél¨.

  Que nós hoxe votemos a favor, en contra ou nos absteñamos, non vai cambiar nada. Votar a favor de algo que descoñeces, como é o tema dos xuros, é inaudito…Olé pola banca e Olé polo Goberno do Estado.

A Corporación Municipal non ten culpa disto, mais todos somos coñecedores de que hai concellos que non van a sair en moitos anos deste embrollo e décímoslles a verdade ¨Non sabemos que facer¨ séguenos a dar carraxe apoialo, ímolo facer por seguir coa congruencia que manifestamos ao principio, é un xeito de cobrar para os provedores que tiveron moita paciencia para podelo facer.

Resolucións da II asemblea nacionalista de Chantada

 Resolucións aprobadas pola Asemblea Nacionalista de Chantada constituída o día 28-4-2012 ás 17:00 horas co acordo de sometelas a ratificación na proxima xuntanza da asemblea que, estando prevista para o 12-m foi adiada polos actos previstos de conmemoración do 15-m por parte da Asemblea Popular de Chantada, e que será aberta a todas as persoas interesadas. 


PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 1. A asemblea nacionalista de Chantada é soberana no eido local, mas acredita en que non é incompatíbel, mais complementar, asemblearismo e democracia con organización e eficiencia.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 2. A asemblea nacionalista de Chantada resolve, unha vez constituída, elaborar e recabar formularios de afiliación para termos un censo actualizado da nosa militancia. Así, fíxase un período que abranxe os meses de abril e maio para tar efecto e nomeará un responsábel de finanzas e organización o día 12 de maio que, non será en ningún caso, unha persoa con responsabilidades institucionais ou noutros ámbitos internos do NPC. Tamén se nomeará unha coordenadora provisoria.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 3. Poderá ser militantes calquera persoa que asuma os principios organizativos e os principios políticos dos que no futuro se dote a nosa organización. Os militantes necesitarán presentarse en asemblea personalmente, consecuencia da aposta pola participación e o asemblearismo.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 4. A asemblea nacionalista de Chantada acorda estabelecer unha cota para ir creando unha caixa propia e que se axustará, en todo caso, ao que se acorde no futuro a nivel nacional, mais que é imprescindíbel no inmediato para calquera eventualidade.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 5. A asemblea nacionalista de Chantada incide na importancia de aprobeitar as canles comunicativas que ofrecen as novas tecnoloxías ou os medios locais. Por isto mesmo, as mocións serán publicitadas unha vez rexistradas e tamén se fará valoración do resultado obtida polas mesmas no pleno para evidenciar o noso xeito propio de facer política.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 6. A asemblea nacionalista de Chantada resolve que o grupo municipal elabore unha moción para instar ao Goberno á supresión da taxas municipais nas familias en que non haxa ingresos e non teñan cáseque patrimonio.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN  7. A asemblea nacionalista de Chantada acorda, perante a adversa climatoloxía e o aumento dos costes produtivos nas explotacións gandeiras, sustento tamén do pequeno comercio da vila, instar á cámara municipal a aprobar unha moción que sancione a supresión das taxas sobre o lixo, no que resta de lexislatura, ás explotacións gandeiras de leite e carne. Denunciaremos, amais, a vontade de INTA de cobrar retroactivamente (até 4 anos) esas taxas que foi freada polo Grupo nacionalista.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 8. A asemblea nacionalista de Chantada impele ao grupo municipal para que elabore unha moción condenatoria das medidas procíclicas de austeridade como suba do pago nos medicamentos, da supresión do "transporte non urxente", retirar a cobertura sanitaria aos maiores de 26 anos e migrantes, a suba do IVE, etc. aprobadas polo Goberno Rajoy. Exiximos que esa mesma progresividade que se quere exixir na sanidade se aplique a unha reforma fiscal progresiva que garantiría a viabilidade do gasto público social e, xa que logo, dunha educación e dunha sanidade universais, públicas e de calidade. [Houbo unha moción  da Plataforma pola Sanidade Pública que apresentou o Grupo Nacionalista e que ía máis ou menos neste sentido no pleno do día 7 de maio].

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 9. A Asemblea nacionalista de Chantada acorda convocar para o día 12 de maio unha asemblea aberta en que chama á participación a todos os axentes sociais e á sociedade civil da vila para estabelecer colectivamente dinámicas recíprocas de participación e comezar a elaborar mecanismos para a participación veciñal na instancia política.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 10. A asemblea nacionalista de Chantada acorda que as asembleas plurais e abertas son o único garante de que a vontade dos representados sexa a adoptada polos representantes. Tamén adoptamos como principio que unha persoa só pode ocupar un cargo organizativo e/ ou institucional.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 11: A asemblea nacionalista de Chantada acorda copromover, de acordo con outros axentes sociais, un medio de comunicación independente, crítico e aberto en formato dixital e que periodicamente pode ter edición en papel.


PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 12. A asemblea nacionalista de Chantada insta ás restantes asembleas nacionalistas da comarca para crear unha coordenadora comarcal que coordenará o traballo e problemáticas comúns comarcais á espera do proceso nacional.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 13. A asemblea nacionalista de Chantada acorda elaborar un documento con propostas sobre as funcións da coordenadora comarcal, entre as cales se incluirán:

a) Serán integrantes da mesma igual número de delegados nomeados por cada localidade.

b) As funcións da asemblea serán:

- Coordenar o traballo entre localidades así como exercer de punto de encontro e comunicación entre as distintas asembleas evitando a sobreacumulación de asembleas, inasumíbeis para a maioría dos militantes que teñen máis doado e factíbel cinxirse no nivel local.

- Executar e non deliberar os acordos locais. De acordo co punto anterior a soberanía reside na asemblea local. En todo caso a asemblea comarcal ten caráter consultivo e, por tanto, ten capacidade para propor tamén o que considerar oportuno ás asembleas de base.

- Deseñar, organizar e contribuír para o garante da correcta implementación de campañas comarcais (incluídas electorais se as houber).

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 14. A asemblea nacionalista de Chantada resolve instar a crear canles comunicativas coas outras asembleas do país para estabelecer unha comunicación recíproca que retroalimente os diferentes procesos locais e estabeleza, de común acordo, os marcos para fixar calendario e minimos necesarios para a Asemblea Constituínte dun novo proxecto común para a esquerda galega.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 15. A asemblea nacionalista de Chantada dotarase dos medios necesarios para a difusión das súas decisións, análises e propostas, pondo especial fincapé no emprego das novas tecnoloxías para espallar o labor do Grupo Nacionalista de Chantada. Redactaranse voceiros en papel, polo menos, con periocidade trimestral para a socialización das nosas propostas e actuación de goberno.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN final. A asemblea nacionalista de Chantada fará públicas as resolucións asembleares concernentes ao nível local, comarcal e nacional e creará as canles necesarias para a comunicación con esas instancias para participar dialecticamente no processo.